A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático viaxou esta semana a Austria para recoller o premio Estrela do Clima outorgado á Comunidade

Galicia convida aos membros da Alianza Europea do Clima a visitar a comunidade para afondar nas medidas impulsadas pola Xunta fronte ao quecemento global

Ángeles Vázquez abordou con representantes de delegacións de Austria, Alemaña, Suíza, Luxemburgo, Hungría, Croacia ou Países Baixos as iniciativas promovidas polo Goberno galego para consolidar a resiliencia da Comunidade

Lembra que as emisións netas de gases de efecto invernadoiro se reduciron en Galicia en 2023 nun 61,7% con respecto a 1990, o que consolida o seu liderado a nivel nacional e acércaa ao cumprimento do obxectivo da neutralidade climática en 2040

Viena (Austria), 9 de maio de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, convidou aos membros da Alianza do Clima europea (Climate Alliance) a visitar Galicia para coñecer as medidas impulsadas pola Xunta fronte ao quecemento global e para intercambiar experiencias nesta materia.

No marco da viaxe que realizou esta semana a Austria para recoller o premio Estrela do Clima (Climate Star) concedido por esta iniciativa ao Executivo galego en recoñecemento polo seu papel como coordinador do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de dar a coñecer os avances realizados por Galicia neste eido, que a manteñen á cabeza das rexións pioneiras na mitigación do cambio climático.

Nese senso, a conselleira lembrou que as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) reducíronse en Galicia en 2023 nun 61,7% con respecto a 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas climáticas. Con estes datos, a Comunidade consolida a súa posición de liderado a nivel nacional e acércaa ao cumprimento do obxectivo da neutralidade climática no ano 2040, é dicir, unha década antes do prazo fixado pola propia Unión Europea.

Así, durante os debates organizados ao abeiro da entrega dos premios Estrelas do Clima, a conselleira abordou con representantes de delegacións de cidades de países como Austria, Alemaña, Suíza, Luxemburgo, Hungría, Croacia ou Países Baixos as medidas impulsadas pola Xunta de cara a consolidar a resiliencia da Comunidade facendo fincapé na iniciativa premiada pola Climate Alliance.

Cómpre lembrar que a Xunta coordina desde 2017 o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, que conta con 285 adheridos, dos que preto do 92% xa elaboraron o correspondente Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), que son follas de ruta fundamentais de cara a mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2.

A maiores, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, engadiu que, no marco da aposta pola colaboración entre administracións nesta  materia, a Xunta presentou hai un ano a Rede local polo clima, de cara a coordinar cos concellos as actuacións para aproveitar sinerxías na loita contra o quecemento global e, ao mesmo tempo, promover políticas locais de sustentabilidade ambiental, facilitando a xestión do coñecemento así como a difusión e intercambio de experiencias.

A maiores, o Goberno galego tamén está a promover a colaboración público-privada e, nesa liña, puxo en valor a Alianza galega polo clima. Esta iniciativa que promoveu a Xunta en 2022 conta xa con preto de 200 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas-, para conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o cambio climático, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar unha Galicia neutra en emisións.

Finalmente, ademais da elaboración da futura Lei do clima de Galicia, que está previsto remitir ao Parlamento este verán, a Xunta aprobou o pasado xaneiro o II Plan rexional integrado de enerxía e clima (PRIEC) 2030, que será a ferramenta que guíe as políticas climáticas da Xunta nos vindeiros anos, de forma transversal e implicando no proceso a todos os departamentos autonómicos. En concreto, este novo PRIEC contempla un conxunto de 93 medidas con preto de 1.800 millóns de euros de investimento asignados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2025