A Xunta promoverá no marco da iniciativa ‘Localízate’ xincanas educativas en diferentes cidades galegas para conectar a mocidade co comercio local
Entre os días 12 e 15 de maio, Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo acollerán carreiras por equipos polas principais zonas comerciais, nas que o alumnado da ESO participante deberá resolver probas e interactuar cos comercios colaboradores
Ademais, instalarase unha unidade móbil en cada cidade participante, que funcionará como punto informativo e escaparate dos produtos locais, así como marca de saída e chegada da actividade
A iniciativa ‘Localízate! No teu comercio local’, posta en marcha por primeira vez este curso para reforzar os vencellos coas novas xeracións, permitiu chegar a máis de 600 rapaces e rapazas coa colaboración de arredor de 70 establecementos
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2025
Entre os días 12 e 15 de maio, a Xunta de Galicia impulsará nas cidades de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo diferentes xincanas no marco da experiencia piloto da iniciativa Localízate! No teu comercio local, unha acción enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que busca crear vencellos entre o alumnado de 1º a 4º da ESO e os establecementos comerciais das súas contornas, poñendo en valor aspectos como a experiencia de compra, a xeración de emprego local e a sostibilidade ambiental.
Tras unha primeira fase na que os centros educativos interesados en participar remitiron a súa proposta —consistente no deseño dunha acción dirixida a achegar un comercio local ao público de entre 12 e 16 anos—, agora o alumnado seleccionado participará nesta actividade lúdico-educativa, baseada nunha carreira por equipos polas principais zonas comerciais e prazas de abastos das cidades, onde deberán resolver probas e interactuar cos comercios colaboradores.
Concretamente, as probas terán lugar o luns 12 de maio na zona portuaria de Vigo, o martes 13 na Dársena da Mariña na Coruña, o mércores 14 na Alameda de Ourense e o xoves 15 na Delegación da Xunta en Lugo.
Localízate constitúe unha aposta estratéxica da Xunta por reforzar o futuro do comercio galego a través da participación e implicación das novas xeracións, que nesta primeira convocatoria permitiu chegar a máis de 600 rapazas e rapaces coa colaboración de arredor de 70 establecementos. Nas próximas edicións do programa iranse sumando distintas localizacións ata abarcar todo o territorio galego, achegando de primeira man ao alumnado participante o seu comercio local máis próximo e o impacto social, medioambiental e económico que xera.
Desenvolvemento das xincanas
Cada clase participante estará dividida en grupos dun mínimo de 8 e un máximo de 10 alumnos/as. Cada grupo irá acompañado dunha persoa adulta responsable durante todo o percorrido da xincana.
A xincana consistirá en que cada grupo supere seis probas ao longo dun percorrido por distintos establecementos comercias e postos das prazas de abastos, a través das cales coñecerán de primeira man as tipoloxías do comercio de proximidade, a actividade comercial e interactuarán coas persoas comerciantes. Cada proba radicará en responder a unha pregunta relacionada coa actividade comercial. Para acadar a resposta correcta deberanse achegar a un determinado establecemento comercial, no cal poderán discorrer a resposta. Por cada resposta correcta o equipo recibirá a peza dun crebacabezas e resultará gañador o equipo que o complete no menor tempo. O alumnado recibirá o material e as instrucións necesarias para a realización de cada proba e desenvolvemento da xincana. A campaña pretende tamén desenvolver competencias clave como o traballo en equipo, o movemento activo e a escoita, fomentando unha conexión real da mocidade co comercio local.
En paralelo, instalarase unha unidade móbil en cada cidade participante, que funcionará como punto informativo e escaparate de produtos locais, así como marca de saída e chegada da carreira. No caso da Coruña, esta unidade móbil acollerá tamén o martes 13 ás 17,00 h. unha mesa redonda con representantes de distintos comercios da cidade, que servirá como espazo de diálogo para analizar os retos do sector.
Plan estratéxico do comercio de Galicia
Esta é unha das máis de 70 accións incluídas no novo Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, unha folla de ruta dotada con máis de 320 millóns de euros destinada a modernizar e fortalecer o sector comercial galego, adaptándoo ás novas realidades económicas e sociais.