Xosé Merelles destaca a colaboración histórica dos concellos do Camiño Francés como alicerce dos valores xacobeos

Inaugurou esta mañá a asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago integrada por 116 concellos

No que vai de ano, 45.065 peregrinos percorreron o Camiño Francés, case o 47% do total

O Pino (A Coruña), 10 de maio de 2025

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na inauguración da décima asemblea xeral da Asociación de Municipios del Camino de Santiago (AMCS). A organización, formada por 116 municipios situados ao longo do Camiño Francés, creouse como tal hai 10 anos, en Burgos, para colaborar na protección e promoción do itinerario, así como no seu desenvolvemento sostible.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles aludiu á creación da entidade en 2015 así como ao espírito asociativo da mesma que fai que conflúa o traballo de todos estes gobernos locais a favor do desenvolvemento da primeira das rutas xacobeas, xa recollida no Códice Calixtino, no século XII.

O director de Turismo de Galicia destacou ademais que o traballo da AMCS se aliña coa estratexia da Xunta, especialmente no que se refire á preservación da ruta xacobea e á sostibilidade da mema, en canto á “capacidade de xerar proxectos dotados das infraestruturas adecuadas e respectuosas co medio ambiente e a poboación local”. 

Neste sentido, referiuse ao Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia 2022-2027, a folla de ruta da Xunta de Galicia de cara ao Xacobeo 2027, onde se identifica precisamente como axentes relevantes a AMCS. Este documento recolle, entre outros, a necesidade de fortalecer a posta en valor dos recursos patrimoniais, así como de innovar en dixitalización desde criterios sostibles. O Plan está dotado con 140M€. 

No que vai de ano, 96.950 persoas recolleron a súa Compostela, un 8% máis que o ano pasado. Destas, 45.064 percorreron o Camiño Francés, case o 47% do total. O director de Turismo repasou estes datos, indicando que amosan “un bo comezo de ano, que fai prever que se poidan superar as cifras de 2024”. Nese período, un total de 236.269 visitantes chegaron a Santiago a través do itinerario francés. “Estes datos proban que o Camiño está máis vivo que nunca”, resaltou Merelles, coa vista posta no Xacobeo 2027. 

Tras da celebración da Asemblea, desde a AMCS teñen prevista unha visita guiada a Santiago de Compostela. O domingo participarán na misa de mediodía na Catedral, onde realizarán unha ofrenda ao Apóstolo polo X Aniversario da Asociación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2025