A Xunta concede 20 axudas para a adquisición de taxis adaptados, de baixas emisións ou eléctricos nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da resolución destas axudas de 2024 e da nova convocatoria durante un encontro cun dos beneficiarios

As subvencións concedidas foron de ata 1.000 euros para os taxis de baixas emisións, 4.000 euros para vehículos de emisións cero e 10.000 euros para taxis adaptados

Ferrol, 12 de maio de 2025

A Xunta concedeu un total de 20 axudas ao sector taxi das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos de baixas emisións ou eléctricos cun investimento de 77.000 euros. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución destas axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes acompañada da directora territorial da consellería, Mar Ferreiro, durante un encontro cun dos beneficiarios, José Ignacio Caínzos.

Aneiros lembrou que o obxectivo destas axudas “é reforzar a aposta do sector taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade e sumar a estes profesionais á loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes”.

En concreto, nesta convocatoria da Xunta as axudas ao sector do taxi no ámbito da Delegación Territorial facilitaron a adquisición de 11 vehículos de baixas emisións ou eco; catro vehículos de emisións cero e cinco vehículos adaptados á mobilidade reducida. As subvencións son de ata 1.000 euros para os taxis de baixas emisións, 4.000 euros para vehículos de emisións cero e 10.000 euros para taxis adaptados.

Durante o encontro, a representante da Xunta lembrou que está aberto o prazo de solicitude da convocatoria de 2025 ata o próximo 14 de outubro e que conta cun orzamento de 500.000 euros.

A medida vai dirixida ás persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou os servizos de Mobilidade competentes.

No caso das liñas de taxi de cero emisións e eco, a orde axudas cubre a adquisición de vehículos realizada desde o 1 de maio do ano pasado ata a data límite para xustificar a axuda, o 31 de outubro de 2025. Para a liña Eurotaxi, subvenciónanse tanto os vehículos xa adquiridos en calquera momento, co compromiso de manter a titularidade e a actividade ao menos cinco anos, como os que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e á data límite para xustificar a axuda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2025