A Xunta arranca en Vigo as xincanas educativas da iniciativa ‘Localízate’ para conectar a mocidade co comercio local en diferentes cidades galegas
O director xeral de Comercio e Consumo, a delegada territorial da Xunta en Vigo e a directora xeral de Xuventude participaron hoxe na primeira xornada da iniciativa piloto dirixida á mocidade e enmarcada no Plan estratéxico do Comercio de Galicia
A esta xincana na cidade olívica seguiralle a de mañá na Coruña, o mércores 14 en Ourense e o xoves 15 en Lugo e consiste en carreiras por equipos polas principais zonas comerciais, nas que o alumnado da ESO participante deberá resolver probas
Ademais, en cada cidade participante instálase unha unidade móbil, que funcionará como punto informativo e escaparate dos produtos locais, así como marca de saída e chegada da actividade
A iniciativa ‘Localízate! No teu comercio local’, posta en marcha por primeira vez este curso para reforzar os vecellos coas novas xeracións, permitiu chegar a máis de 600 rapaces e rapazas coa colaboración de arredor de 70 establecementos
Vigo, 12 de maio de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participaron hoxe en Vigo na primeira xornada do programa piloto Localízate! No teu comercio local, iniciativa dirixida á mocidade e enmarcada nas accións do Plan estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.
Trátase da primeira das xincanas que esta semana -ata o 15 de maio- impulsa a Xunta, ademais de na cidade de Vigo, na Coruña, Ourense e Lugo co fin de crear vencellos entre o alumnado de 1º a 4º da ESO e os establecementos comerciais das súas contornas, poñendo en valor aspectos como a experiencia de compra, a xeración de emprego local e a sostibilidade ambiental. Á proba de hoxe en Vigo, que partiu dos mercados do Progreso e do Berbés cara as zonas dos centros comerciais abertos Vigo centro e Zona Náutico, seguiralle a de mañá na Coruña, o mércores 14 en Ourense e o xoves 15 en Lugo.
Tras unha primeira fase na que os centros educativos interesados en participar remitiron a súa proposta —consistente no deseño dunha acción dirixida a achegar un comercio local ao público de entre 12 e 16 anos—, agora o alumnado seleccionado participa nesta actividade lúdico-educativa, baseada nunha carreira por equipos polas principais zonas comerciais e prazas de abastos das cidades, onde deberán resolver probas e interactuar cos comercios colaboradores.
Desenvolvemento da xincana
Cada clase participante estará dividida en grupos dun mínimo de 8 e un máximo de 10 alumnos/as. Cada grupo irá acompañado dunha persoa adulta responsable durante todo o percorrido da xincana.
A xincana consistirá en que cada grupo supere seis probas ao longo dun percorrido por distintos establecementos comercias e postos das prazas de abastos, a través das cales coñecerán de primeira man as tipoloxías do comercio de proximidade, a actividade comercial e interactuarán coas persoas comerciantes. En cada proba deberán responder a unha pregunta relacionada coa actividade comercial.
Para acadar a resposta correcta deberanse achegar a un determinado establecemento comercial, no cal poderán discorrer a resposta. Por cada resposta correcta o equipo recibirá a peza dun crebacabezas e resultará gañador o equipo que o complete no menor tempo. O alumnado recibirá o material e as instrucións necesarias para a realización de cada proba e desenvolvemento da xincana. A campaña pretende tamén desenvolver competencias clave como o traballo en equipo, o movemento activo e a escoita, fomentando unha conexión real da mocidade co comercio local.
En paralelo, hai unha unidade móbil en cada cidade participante, que funciona como punto informativo e escaparate de produtos locais, así como marca de saída e chegada da carreira. No caso da Coruña, esta unidade móbil acollerá tamén o martes 13 ás 17,00 h. unha mesa redonda con representantes de distintos comercios da cidade, que servirá como espazo de diálogo para analizar os retos do sector.
Localízate
Localízate constitúe unha aposta estratéxica da Xunta por reforzar o futuro do comercio galego a través da participación e implicación das novas xeracións, que nesta primeira convocatoria permitiu chegar a máis de 600 rapazas e rapaces coa colaboración de arredor de 70 establecementos. Nas próximas edicións do programa iranse sumando distintas localizacións ata abarcar todo o territorio galego, achegando de primeira man ao alumnado participante o seu comercio local máis próximo e o impacto social, medioambiental e económico que xera.