A Xunta considera que o Goberno trata de “tapar o caos e incidencias” en materia ferroviaria con “anuncios insuficientes” para as necesidades de Galicia
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, cualifica como “incomprensible” que mentres que, por exemplo a día de hoxe están á venda os billetes de Madrid a Barcelona ata decembro na comunidade galega “hai que agardar ao 9 de xuño para ter dispoñibles os billetes ata outubro”
Destaca os “continuos incumprimentos nos horarios e os problemas coa venda de billetes que impiden aos usuarios planificar as súas viaxes”
Afirma que en Galicia “estamos fartos de seguir tendo información a contagotas polo que se publica nos medios de comunicación” e ve “pouco serio” que o Executivo estatal continúe sen asignar un interlocutor directo con Renfe para informar das medidas e incidencias en materia ferroviaria na comunidade
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2025
A Xunta considera que o Goberno central trata de “tapar o caos e as incidencias ferroviarias” con “anuncios insuficientes” para as necesidades de Galicia. Así o destacou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, en resposta ao anuncio do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible do reforzo estival para o traxecto Galicia-Madrid nas viaxes que se realicen entre o 9 e xuño e outubro.
Segundo o conselleiro, en Galicia “estamos acostumados a anuncios que despois non se cumpren ou non se axustan á realidade”, así como “á falla de revisores, a continuos incumprimentos nos horarios e a problemas coa venda de billetes que impiden aos usuarios planificar as súas viaxes”.
Así, no que se refire á venda de billetes, cualificou como “incomprensible” que mentres que, por exemplo, a día de hoxe están á venda os billetes de Madrid a Barcelona ata decembro, “en Galicia temos que agardar ao 9 de xuño para ter dispoñibles os billetes ata outubro”. A isto súmase que “a menos dun mes para o 9 de xuño, non se indica á data na que se habilitará a venda, limitándose tan só a dicir que será proximamente.” “¿E que nin o propio Goberno central confía no seu sistema e por iso non abre un prazo máis amplo na venda de billetes”, sinalou Diego Calvo.
Canto ao anuncio do Ministerio, aclarou que as 11 frecuencias diarias anunciadas non son unha novidade respecto ás dispoñibles o ano pasado tamén para as tempadas de verán e Nadal. Ademais, afirmou o conselleiro, non se ofrece concreción sobre os percorridos e horarios nos que se prevén incrementar as prazas nin de que maneira isto vai supoñer unha redución nos tempos de viaxe. Tamén esixe ao Ministerio que aclare se o prezo dos billetes se vai ver incrementado.
Ademais, lembrou que, en materia ferroviaria, o Goberno central actúa mediante a política da improvisación e titulares, ao non existir unha interlocución directa entre Renfe e o Executivo autonómico para abordar as cuestións que afectan ás conexións e servizos ferroviarios en Galicia. Nesta liña, o Goberno galego reivindicou en numerosas ocasións ter un interlocutor directo con Renfe pero, ata agora, non existiu pronunciamento oficial para designar dita figura.
O conselleiro considera esta actitude “pouco seria” e lamentou que “seguimos tendo información a contagotas polo que se publica nos medios de comunicación, pero non existe una interlocución con Renfe que nos permita ter información sobre a planificación, melloras ou cambios en canto as conexións e servizos ferroviarios que o Goberno central ten pensadas para Galicia”.