Miguel Corgos garante o compromiso da Xunta cos concellos e co tecido empresarial para continuar medrando e xerando riqueza e emprego

Resaltou que a Oficina Económica de Galicia, creada para ofrecer asesoramento técnico, administrativo e financeiro, atendeu no seu primeiro ano de vida máis de 800 consultas e asesorou 205 proxectos de especial relevancia

Subliñou a posta en marcha do Plan de Impulso e aceleración de proxectos industriais, unha iniciativa para proxectos que prevén un investimento a partir de 800.000 euros

O conselleiro de Facenda e Administración Pública felicitou á Asociación de Empresarios do Polígono de Agrela pola renovación da Marca de Calidade

A Coruña, 13 de maio de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, garantiu hoxe o compromiso do Goberno galego cos concellos e co tecido empresarial para continuar medrando e xerando riqueza e emprego na Comunidade.

Durante o acto de renovación da Marca de Calidade do Polígono de Agrela, Corgos destacou que para acadar este obxectivo a Administración autonómica creou a Oficina Económica de Galicia, que concentra nun único punto de contacto o asesoramento técnico, administrativo e financeiro de calquera iniciativa, especialmente, nas súas primeiras fases de desenvolvemento.

“E o balance ata o momento é moi positivo”, resaltou, recordando que, no primeiro ano de vida atendeu máis de 20.800 consultas, mantivo 948 reunións con empresas e asesorou 205 proxectos de especial relevancia. “O que intentamos desde a Xunta é que toda persoa promotora cun plan de investimento para a nosa comunidade autónoma saiba onde ten que acudir e reciba un trato totalmente personalizado”, abundou.

Así mesmo, e co fin de aliviar a burocracia, subliñou que o Goberno galego puxo en marcha un Plan de Impulso e aceleración de proxectos industriais. Unha iniciativa, explicou, que vai máis alá dos proxectos considerados estratéxicos, dirixíndose aos que prevén un investimento a partir de 800.000 euros e aos que se lles garante unha tramitación no prazo dun ano.

O conselleiro de Facenda afirmou que a Xunta seguirá tamén apostando polo fortalecemento, modernización e mellora das infraestruturas dos parques empresariais a través de liñas de axudas dotadas cun total de tres millóns de euros para a mellora de infraestruturas como iluminación, depuración de auga ou xestión de residuos.

Nesta mesma liña, salientou que as empresas teñen á súa disposición este ano, a través do Igape, máis de 170 millóns de euros a través de 15 liñas de axudas para financiamento, competitividade e innovación. Ademais dunha liña de apoios para impulsar a internacionalización do tecido produtivo.

Miguel Corgos concluíu a súa intervención felicitando á Asociación de Empresarios do Polígono de Agrela pola renovación da Marca de Calidade, froito do bo traballo realizado. Un recoñecemento, asegurou, que será un acicate para continuar afondando na consolidación das melloras acadadas, impulsar outras novas e seguir abandeirando Agrela como un exemplo de xestión empresarial avanzada e sostible.

O acto rematou co izado da bandeira no parque empresarial, ao que tamén asistiu, entre outras autoridades, a delegada da Xunta na Coruña, Belén Do Campo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2025