A Xunta achega o comercio local coruñés ás novas xeracións coa xincana educativa da iniciativa ‘Localízate’

O director xeral de Comercio e Consumo, a delegada territorial da Xunta na Coruña e a directora xeral xeral de Ordenación e Innovación Educativa participaron hoxe na segunda xornada deste programa piloto enmarcado no Plan estratéxico do comercio

Ademais, esta tarde a unidade móbil informativa desta campaña, situada na avenida da Mariña, albergará unha mesa de diálogo na que os propietarios de distintos establecementos da cidade contarán as súas experiencias no eido comercial

A iniciativa ‘Localízate! No teu comercio local’, posta en marcha por primeira vez este curso para reforzar os vencellos coas novas xeracións, permitiu chegar a máis de 600 rapaces e rapazas coa colaboración de arredor de 70 establecementos

A Coruña, 13 de maio de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron hoxe na Coruña na segunda xornada do programa piloto Localízate! No teu comercio local, iniciativa do Goberno galego dirixida á mocidade e enmarcada nas accións do Plan estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.

Nesta actividade, o alumnado de 1º a 4º da ESO participante, percorreu por equipos as rúas da cidade e resolveron distintas probas coas que crean vencellos cos establecementos comerciais das súas contornas en nas que se poñen en valor aspectos como o traballo en equipo, a experiencia de compra, a xeración de emprego local e a sostibilidade ambiental. A proba de hoxe dá continuidade á celebrada onte en Vigo e seguiralle a de mañá en Ourense e a do xoves 15 en Lugo.

En paralelo, en cada unha das cidades hai unha unidade móbil que serve como punto informativo e escaparate de produtos locais. No caso da cidade da Coruña está situada na Avenida da Mariña e esta tarde, a partir das 17,30 horas, acollerá unha mesa de diálogo na que os propietarios de distintos establecementos da cidade contarán as súas historias de éxito, boas prácticas e experiencias no eido comercial e que tamén servirá como espazo de diálogo para analizar os retos do sector. Trátase dunha actividade a prol da competitividade do tecido comercial que concorda co que promove o Plan estratéxico do Comercio de Galicia.

Desenvolvemento da xincana

Cada clase participante divídese en grupos dun mínimo de 8 e un máximo de 10 alumnos/as, acompañados dunha persoa adulta responsable durante todo o percorrido da xincana. A actividade consiste en que cada grupo supere seis probas ao longo dun percorrido por distintos establecementos comercias e postos das prazas de abastos, a través das cales coñecerán de primeira man as tipoloxías do comercio de proximidade, a actividade comercial e interactuarán coas persoas comerciantes. En cada proba deberán responder a unha pregunta relacionada coa actividade comercial e por cada resposta correcta o equipo recibe a peza dun crebacabezas e resulta gañador o equipo que o complete no menor tempo.

Localízate constitúe unha aposta estratéxica da Xunta por reforzar o futuro do comercio galego a través da participación e implicación das novas xeracións, que nesta primeira convocatoria permitiu chegar a máis de 600 rapazas e rapaces coa colaboración de arredor de 70 establecementos. Nas próximas edicións do programa iranse sumando distintas localizacións ata abarcar todo o territorio galego, achegando de primeira man ao alumnado participante o seu comercio local máis próximo e o impacto social, medioambiental e económico que xera.

Espazo de diálogo desta tarde

No espazo de diálogo desta tarde na Coruña participarán Carmelamola, Médula Floraría, Xoiaría Ardentia, Maresía Comunicación, Martina Lubián, Helados La Ibi, La Palmirita e La Crisálida e nel darase visibilidade ao comercio local e ao impacto que xera a nivel económico, social e medioambiental.  Ademais, abordaranse os retos e as oportunidades do comercio local na Coruña, resaltando a súa importancia para a evolución da cidade e reflexionando sobre o seu futuro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2025