O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela acolle a Xornada Biointegrasaúde 2025 na que se abordan os últimos avances no eido da investigación biomédica

Gómez Caamaño salienta o liderado de Galicia en investigación sanitaria, cunha aposta decidida da Xunta pola estabilidade, o talento e a excelencia científica

Pon en valor a creación da categoría profesional de persoal investigador sanitario, convertendo á comunidade galega na única que apostou por esta consolidación

Destaca a integración no sector público das tres fundacións de investigación sanitaria coas que conta Galicia, coa que se melloraron as condicións laborais dos preto de 500 profesionais que as integran

Remarca a capacidade, o talento e a estrutura da investigación sanitaria galega para ser un referente nacional e europeo dentro do ámbito científico

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá na inauguración da Xornada de Biointegrasaúde 2025, onde salientou a posición de liderado que ocupa Galicia no eido da investigación sanitaria, así como a aposta do Executivo autonómico pola estabilidade, o talento e a procura da excelencia científica.

Acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, o conselleiro de Sanidade lembrou algunhas das medidas adoptadas polo Goberno galego na súa aposta por impulsar a actividade científica na comunidade.

Entre outras, Gómez Caamaño destacou a integración no sector público autonómico dos tres institutos de investigación galegas, unha decisión, abundou, coa que se recoñece o valor do capital humano e coa que se impulsa a súa carreira profesional. Desde xaneiro de 2024 os preto de 500 profesionais que integran estes tres centros contan con mellores condicións laborais e tamén cunha maior estabilidade.

Así mesmo, puxo en valor a creación da categoría profesional de investigador sanitario, sendo Galicia a única comunidade autónoma que apostou por esta consolidación.

“Estamos orgullosos dos nosos institutos de investigación e da súa contribución a que en Galicia se practique unha atención sanitaria cada vez máis innovadora e eficaz”, remarcou Gómez Caamaño, ao tempo que salientou a capacidade, o talento e a estrutura da investigación sanitaria galega para ser un referente nacional e europeo dentro do ámbito científico.

O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela acolle durante a xornada de hoxe a especialistas do ámbito da investigación biomédica para abordar as últimas novidades neste eido da saúde. Así, investigadores das tres Fundacións galegas de investigación (IDIS, INIBIC e IISGS) debaterán sobre os novos avances acadados no estudos do cancro, ademais de pór en común os últimos casos de éxito en transferencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2025