Galicia destaca no Comité das Rexións o novo Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027 con 1.310 M€ de investimento público
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou no pleno como coordinador da delegación española nesta asemblea
No debate sobre o Espazo Europeo de Investigación, Jesús Gamallo destacou o incremento nun 28% no gasto de investimento de I+D
Galicia apoiou a resolución sobre o futuro marco financeiro plurianual (MFP), que defende que a política de cohesión manteña polo menos o mesmo importe que no orzamento actual
Bruxelas, 15 de maio de 2025
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), que incluíu o debate sobre o Espazo Europeo de Investigación. Jesús Gamallo destacou que Galicia acaba de presentar o Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027, cun investimento público superior a 1.310 millóns de euros. Segundo as últimas estatísticas, Galicia é a comunidade onde máis medra o investimento en I+D, un 28%, o dobre que no conxunto do Estado.
Segundo explicou o director xeral, trátase dun plan coordinado coas estratexias e mecanismos de financiamento a nivel europeo asentado na biotecnoloxía, as tecnoloxías profundas, as limpas e a innovación dende a demanda como eixos para a transformación tecnolóxica e social. Entre os seus obxectivos está promover a participación de todo o ecosistema de ciencia e innovación para mobilizar fondos, dar protagonismo ás entidades locais como axentes dinamizadores e simplificar os custos e mellorar a xestión administrativa.
Outro dos puntos máis relevantes para Galicia foi a resolución sobre o futuro marco financeiro plurianual (MFP). A Comisión Europea dará a coñecer a súa proposta en xullo. A resolución aposta por unha política de cohesión que siga tendo polo menos o mesmo financiamento que ata agora. Galicia presentou unha emenda reclamando que este importe sexa aínda maior, ademais de solicitar que se teña en conta o desafío demográfico que afrontan rexións como a galega e se integren principios transversais como o xénero e a non discriminación. Galicia tamén aposta por unha maior coordinación coas rexións e unha maior flexibilidade.
Ademais, a Xunta contribuíu, apoiando emendas, nos ditames sobre o papel das cidades e rexións no plan europeo de vivenda accesible, sobre os retos relacionados coa falta de persoal sanitario e sobre o reforzo da posición dos agricultores na cadea de subministración agroalimentaria.
Galicia no Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Durante este mandato, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda ocupa a presidencia da delegación española, composta por 21 representantes das comunidades autónomas e dos municipios, e unha das vicepresidencias da Mesa.