O programa EBici da Xunta abre o prazo para usuarios na nova convocatoria de axudas
O prazo de usuarios abre dende hoxe ata o 13 de novembro do 2026 ou ata que se esgote o crédito
As empresas interesadas en colaborar poderán seguir adheríndose a EBici ata finais de agosto do 2026
A orde estará dotada con 1,7M€ e subsidiará a compra de bicicletas novas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas
A Coruña, 16 de maio de 2025
Hoxe comeza o prazo para os usuarios interesados en mercar bicicletas eléctricas con pedaleo asistido ou bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas subvencionadas coa nova convocatoria do programa EBici impulsado pola Xunta. Así o anunciou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nun acto no que estivo acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.
As axudas poderán solicitarse ata o 13 de novembro do ano 2026 ou ata que se esgote o crédito en calquera dos establecementos asociados ao programa, que serán os encargados de presentar estas solicitudes para concluír a compra. O importe destas subvencións parten do 50% do custo cun máximo de 500 euros con carácter xeral. As familias numerosas contarán cun 60% de desconto co máximo en 600 euros e no caso das familias numerosas de categoría especial ou as persoas con mobilidade reducida as axudas aumentan ata o 70% ou un máximo de 700 euros do custo da bicicleta ou dispositivo adaptado para cadeira de rodas.
A listaxe de establecementos asociados pódese consultar a través da páxina web https://ebici.xunta.gal da Dirección Xeral de Mobilidade e irase actualizando segundo avance o programa, xa que compre recordar que o prazo dos establecementos para adherirse a EBici segue aberto, polo que poderán seguir sumándose ata o 31 de agosto do 2026. Poden adherirse calquera establecemento de Galicia que se dedique total ou parcialmente á venda de bicicletas e serán os encargados de presentar, de xeito electrónico, a solicitude de axuda para completar a compra. De momento, dende a apertura do prazo o 2 de maio, xa se sumaron máis de 80 entidades.
Tamén, as máis de 150 empresas que xa se asociaran na anterior convocatoria poden volver a acceder ao programa a través dunha solicitude simplificada dispoñible ata o 2 de xullo, aínda que se prefiren colaborar máis tarde poderán facelo a través do procedemento ordinario.
Esta nova convocatoria estará dotada con 1,7 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades: 1 millón de euros en 2025 e 700.000 euros en 2026. Con esta iniciativa, preténdese contribuír a dinamizar o comercio local e estimular a economía dos pequenos establecementos.
Impulso da mobilidade sostible e saudable
O programa continúa a aposta que dende a Xunta se fai en prol da mobilidade alternativa. EBici busca incentivar o uso dun transporte sostible, integrador e saudable como é a bicicleta, especialmente na contorna urbana onde se atopa a meirande parte da poboación.
Con este tipo de medidas, o Goberno galego busca reducir o uso do vehículo particular nos desprazamentos da contorna urbana, desconxestionando os centros das cidades galegas e reducindo en consecuencia a contaminación ambiental e acústica.
Dende o seu inicio en 2022 ata o peche da última convocatoria en novembro do 2024, o Goberno galego destinou preto de 2,7 millóns de euros a EBici cos que se logrou mobilizar arredor de 8 millóns de euros en total. Con esta nova convocatoria xa serán 4,4 millóns de euros os fondos destinados dende a Xunta.
O éxito do programa reflexouse nas 167 entidades colaboradoras e nas máis de 5.300 persoas beneficiadas por estas axudas, principalmente na contorna urbana, onde se concentra a meirande parte da poboación.
Por provincias, a maioría das axudas concedidas corresponden a Pontevedra, con 2.870 e 1,4 millóns de euros asignados, seguida da Coruña, con 1.582 axudas e máis de 780.600 euros. En Ourense concedéronse 573 axudas que suman 285.100 euros e en Lugo 368, con case 181.000 euros.
En canto ás entidades adheridas ao programa, 69 sitúanse en Pontevedra, 61 na Coruña, 19 en Lugo e 18 en Ourense. Trátase de establecementos comerciais abertos ao público en Galicia que se dedican de xeito total ou parcial á venda de bicicletas con pedaleo asistido ou bicicletas de man eléctricas ou híbridas.