Belén do Campo anuncia a licitación das obras de rehabilitación integral do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba cun investimento de máis de 1,3M€
O proxecto conta cun orzamento de máis de 1,3 millóns de euros e ten un prazo de execución de 9 meses
Santa Comba (A Coruña), 16 de maio de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana, visitou o Colexio CEIP Plurilingüe Barrié da Maza para anunciar a licitación da rehabilitación integral deste centro que contará cun orzamento de máis de 1,3M€. Este centro conta con 416 alumnos, 119 en Educación Infantil e 297 en Educación Primaria.
As empresas teñen ata o 6 de xuño para presentar as súas ofertas e, unha vez seleccionada, adxudicarase o antes posible. As obras teñen unha duración aproximada de nove meses. Con esta obra, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP garantirá que o CEIP Barrié da Maza conte cunhas instalacións modernas e adaptadas ás novas necesidades educativas.
O obxectivo principal desta intervención é mellorar o día a día dos alumnos e docentes, incrementando o confort térmico e a practicidad das instalacións. Ademais, espérase que estas reformas contribúan á mellora da eficiencia enerxética dos edificios, reducindo así o consumo.
Belén do Campo subliñou que o Goberno galego continuará actuando en función das necesidades dos centros, tendo en conta que en Galicia hai máis de 1.600 edificios cunha antigüidade media de 40 anos, neste senso lembrou que estas obras enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, cuxo orzamento total alcanzará preto de 500 millóns de euros. O investimento inicial para o período 2025-28 é de máis de 267 millóns, que se suma aos 230 millóns executados entre 2021 e 2024 con intervencións en practicamente todos os centros. “Continuaremos planificando as actuacións de xeito progresivo co obxectivo de ofrecer un servizo educativo de calidade en todos os centros”, puntualizou a delegada.
Con esta actuación levarase a cabo o cambio da cuberta actual de chapa simple por unha de panel sándwich de 30 mm. de espesor mellorando de forma importante o illamento. Ademais, substituiranse os canlóns interiores e as baixantes actuais por uns novos. Para mellorar notablemente o illamento térmico do edificio contemplase tamén a colocación, sobre o forxado do baixo-cuberta, dun illamento de lana de roca de 10cm de espesor.
A obra tamén contempla o cambio da carpintería exterior de todo o edificio por unha nova de aluminio con rotura de ponte térmica, dotada de vidros de dobre folla e persiana ao exterior para illar térmicamente, evitar o soleamiento excesivo e permitir o oscurecemento das aulas, acabada en anodizado natural (gris).
Outra das intervencións consistirá na aplicación dun sistema de illamento térmico polo exterior (SATE) sobre as fachadas con placas de 8 cm de espesor e acabado en cor branca. Con esta actuación lógranse reducir os valores da transmisión térmica do cerramento nun 80%.
Acústica - Iluminación
Ademais, actuarase colocando falsos teitos absorbentes para garantir o confort acústico de todos os locais interiores, ao mesmo tempo que se instalan novos equipos de iluminación encaixados de tipo led para conseguir os niveis e parámetros de iluminación que marca a normativa nos distintos espazos Nas zonas de circulación e aseos instalaranse detectores de presenza. Coa mellora da iluminación lograse rebaixar substancialmente o consumo de electricidade.
Finalmente tamén está previsto o pintado do interior do colexio para conseguir un aspecto adecuado en todo o centro.