A Xunta destaca en Ferrol a importancia de concienciar á mocidade sobre os riscos dos xogos de azar a través dun ‘escape room’ móbil

A directora xeral de Xuventude visita a actividade instalada na praza da Constitución, a terceira parada da campaña autonómica de sensibilización

A proposta impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca prever condutas aditivas entre os menores de 30 anos a través dunha dinámica lúdica e participativa

Ferrol, 16 de maio de 2025

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou en Ferrol a actividade Aposta por ti, non a xogues, un escape room móbil posto en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de sensibilizar á mocidade sobre os riscos do xogo compulsivo e fomentar hábitos de vida saudables.

A actividade, de carácter gratuíto e dirixida a mozos e mozas a partir dos 14 anos, estará operativa tamén durante a xornada do domingo na praza da Constitución. Tal e como destacou Lara Meneses, “trátase dunha proposta innovadora e participativa que aposta por implicar á mocidade na reflexión sobre o impacto que pode ter o xogo de azar nas súas vidas, desde unha perspectiva formativa e dinámica”.

Esta iniciativa forma parte dunha campaña itinerante impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa entidade A90Grados. Logo das súas primeiras paradas en Viveiro e Lugo, a proposta chega esta fin de semana a Ferrol e continuará nas vindeiras semanas en Vigo, Ponteareas, San Cibrao das Viñas e Ourense.

Cada sesión, cunha duración de 45 minutos, acolle grupos reducidos que deben resolver seis probas relacionadas coas consecuencias do xogo patolóxico, os mitos arredor das apostas e as diferenzas entre xogador social e xogador problemático, entre outros contidos. “A prevención é clave, e debemos facela coa linguaxe, os formatos e as ferramentas que emprega a xente nova. Por iso desde a Xunta impulsamos actividades coma esta, que non só informan, senón que activan a conciencia crítica e a responsabilidade”, sinalou a directora xeral.

As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web habilitada pola organización ou no punto de información da actividade, sempre que queden prazas dispoñibles.

Data de actualización: 16/05/2025