O delegado territorial anima a celebrar o Día das Letras Galegas na Feira do Libro de Lugo, que patrocina a Xunta de Galicia

Javier Arias destaca tamén a actuación musical de “A Volta do Agro” que terá lugar no Museo do Castro de Viladonga

Lugo, 16 de maio de 2025

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, anima a celebrar mañá o Día das Letras Galegas adicado ás cantareiras na Feira do Libro de Lugo, que nesta última xornada contará coa presenza de varios autores galegos para presentar ou asinar os seus libros.

A Feira do Libro de Lugo está patrocinada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través dun convenio asinado coa Federación de Librarías de Galicia, que este ano prevé un circuíto con 13 citas noutros tantos municipios galegos. Así, na provincia recalará tamén en Viveiro, Foz e Monforte de Lemos, todas no mes de agosto.

No que respecta ao programa de mañá, a partir das 12,00 horas Francisco Narla asinará a súa obra “El buen vasallo”, Marta Villar asinará exemplares de “Detective Ferruchi” e Lorenzo de Medici do conxunto dos títulos que ten publicados. Xa pola tarde, tomará o relevo Celia Veigas, desde as 17,30 con “Entre rías”; ás 18,00 horas Cova P.L. con “Amar y destruir”, e desde as 19,00 horas Javier Regueira Serrano asinará “El límite de Kallmanm”.

Ademais, ás 12,00 horas Blanca Riestra presentará “As augas interiores”, acompañada polo escritor Abraham Pérez, e ás 13,00 horas Paco Díaz falará sobre a obra colectiva de homenaxe a Isaac Díaz Pardo “Ensamble Isaac”.

A feira acollerá tamén pola tarde os espectáculos teatrais familiares “Pedras de cartón” e “Pablísimo”, e a narración oral “Bailen as vellas. Os contos das cereixas”. 

Por outra banda, o Museo do Castro de Viladonga acollerá a partir das 17,30 horas a actuación da agrupación de música tradicional “A Volta do Agro”, con entrada de balde.

Deste xeito, o centro dependente da Xunta completa a programación que iniciou a  pasada fin de semana con motivo do Día Internacional dos Museos, que incluíu unha homenaxe ás protagonistas este ano do Día das Letras Galegas co espectáculo ”Consoante”, de Branca Villares e as cantareiras.

Data de actualización: 16/05/2025