Os Obradoiros de robótica e programación organizados pola Xunta e o Colexio de Enxeñería Informática para Nenos Hospitalizados resultan galardoados nos premios de Internet 2025

Esta iniciativa conxunta do Goberno galego e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática desenvolvéronse nas diferentes áreas sanitarias

O departamento sanitario galego destinou preto de 12.000 euros para adquirir o equipamento co que impartir os obradoiros

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2025

A Consellería de Sanidade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) acaban de ser distinguidos nos Premios de Internet 2025, convocados con motivo do Día de Internet 2025 (#ddi2025/ #diadeinternet) que se conmemorará mañá, baixo o lema "Por unha nova xeración de Internet comprometida coas persoas".

Estes galardóns foron entregados esta semana nun acto celebrado no Senado, no que se recoñeceron os mellores proxectos en materia de Transformación Dixital, Marca Persoal en Redes Sociais, Emprendemento e Investigación e Iniciativas para impulsar a Cidadanía Dixital a través de Internet, con especial atención ao uso da Intelixencia Artificial.

Na categoría de Iniciativas para impulsar a Cidadanía Dixital a través de Internet foi premiado o “Obradoiro de robótica e programación para nenas e nenos hospitalizados”, unha proxecto que xurdiu froito dun convenio entre o CPEIG e a Consellería de Sanidade. O galardón foi recollido polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez.

Talleres nas aulas infantís hospitais das áreas pediátricas

Os obradoiros, aos que o departamento sanitario galego destinou preto de 12.000 euros para adquirir o equipamento co que impartilos, pretenden ser unha distracción positiva para os cativos ingresados, contribuíndo así á súa recuperación emocional e mental.

Celebráronse talleres polos hospitais das distintas áreas sanitarias galegas, nos que se desenvolven actividades como transformar froitas e utensilios de cociña en mandos de xogos de ordenador; ou probar robots con forma de coche ou mascota que mudan o seu comportamento en función do son ambiental, da luz ou da distancia a outros obxectos grazas a sensores integrados.

As actividades realizáronse nas aulas infantís das áreas pediátricas dos hospitais públicos galegos.

Con estas actividades interactivas e prácticas proporciónase unha distracción positiva da situación médica de cada paciente, contribuíndo a facer o ingreso hospitalario máis levadío, xa que a hospitalización é unha fonte de estrés para os rapaces e para as súas familias.

Os obradoiros están pensados para desenvolverse en grupo e favorecer a interacción social, aínda que tamén se contemplan sesións virtuais no caso de pacientes que non poidan participar fisicamente nos xogos.

Estes obradoiros son impartidos por empresas galegas do ámbito tecnolóxico a través dos seus plans de responsabilidade social corporativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2025