A EGAP celebra o Día das Letras Galegas cunha homenaxe ao legado cultural das cantareiras e á poesía popular

No acto participaron o conselleiro de Facenda e Administración Pública e a directora da Escola Galega de Administración Pública

Miguel Corgos referiuse ao Días das Letras Galegas como unha data na que presumir da riqueza cultural de Galicia, “como unha mostra da diversidade desa Galicia Calidade da que tan orgullosos debemos sentirnos”

Destacou o compromiso da EGAP coa difusión e o fomento do emprego da lingua galega, con 50 actividades ao longo deste ano, das que se beneficiarán máis de 1.600 persoas

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2025

A Escola Galega de Administración Pública celebrou hoxe o acto de conmemoración do Día das Letras Galegas cunha homenaxe ao legado cultural das cantareiras e á poesía popular, no que participaron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.

“Rendemos tributo a Adolfina e Rosa Casás, a Eva Castiñeira e ás Pandereteiras  de Mens, Manuela Lema Villar e as irmáns Prudencia e Asunción Garrido Ameijende. Elas fixeron da música un acto de identidade a través do cal crear comunidade. As nosas cantareiras, tocadoras e bailadoras ergueron a súa voz para dignificar a nosa propia identidade. Grazas a súa voz, o galego non deixou de escoitarse pasando de xeración en xeración”, destacou o conselleiro de Facenda, poñendo en valor o seu legado cultural e o seu papel na conservación do galego ao longo da historia. 

Corgos aproveitou a súa intervención para resaltar e agradecer o compromiso da Escola Galega de Administración Pública coa difusión e o fomento do emprego da lingua galega. Deste xeito lembrou que, ao longo de todo este ano, a EGAP ten programadas preto de 50 actividades para favorecer o uso da lingua galega, das que se beneficiarán máis de 1.600 persoas, que poderán participar nas máis de 3.100 horas de formación. 

O conselleiro de Facenda recordou o salto vertixinoso que, tanto a nivel de coñecemento, como de desenvolvemento e de preservación do noso idioma, se ten dado. E incidiu na necesidade de traballar todos xuntos a prol do galego, desde a concordia e a liberdade. 

Nesta liña, destacou obxectivos como o de seguir avanzando no desenvolvemento do Proxecto Nós de Intelixencia Artificial para garantir a presenza da lingua galega no eido tecnolóxico; impulsar o uso do galego no tecido socioeconómico da man dos profesionais, colectivos e empresas vinculadas á industria e ao comercio; ou favorecer a creación de produtos tecnolóxicos destinados ao público infantil e xuvenil que favorezan o contacto  coa lingua desde idades temperás. 

Miguel Corgos concluíu subliñando que o Días das Letras Galegas é unha data na que exhibir e presumir da grandeza e da riqueza cultural de Galicia, “como unha mostra da diversidade desa Galicia Calidade da que tan orgullosos debemos sentirnos”, incidiu.

Pola súa banda, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, sinalou que as pandereteiras “son símbolo de resistencia, empoderamento e sororidade posto que fortalecían os vínculos comunitarios do lecer colectivo inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política, transmitindo o patrimonio cultural galego de xeración en xeración”.

Durante a xornada conmemorativa leváronse a cabo diversas actividades para dar a coñecer o legado das cantareiras como o relatorio que impartiu a filóloga, escritora e fundadora do grupo Arredores, Icía Varela, centrado no seu libro Cantareiras: un percorrido polo legado da música e a poesía popular. A tradición das pandareteiras. As Vellas de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás.

O acto completouse coa proxección dun vídeo homenaxe e unha actuación musical a cargo de Emilio Rúa.

Viaxe de interese cultural

As actividades convocadas pola Escola para esta efeméride rematarán coa xa tradicional viaxe de interese cultural para o persoal empregado público, que terá lugar o domingo 18 de maio, e que percorrerá Muxía e Malpica, vilas onde transcorreu a vida das mulleres homenaxeadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2025