A delegada territorial de Ferrol destaca a fortaleza do automobilismo galego durante a presentación do 37º Rally Cidade de Narón
Narón (A Coruña), 19 de maio de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do 37º Rally Cidade de Narón que terá lugar os días 23 e 24 de maio e para o que están inscritos 81 pilotos.
Durante a súa intervención, Aneiros destacou a importancia crecente desta disciplina deportiva en Galicia onde actualmente se rexistran 2.388 licenzas e para a que comprometeu, unha vez máis, o apoio do Goberno galego.
“Probas como este Rally Cidade de Narón, única cita galega deste ano no Campionato de España de Rallys de Asfalto (CERA-RECALVI) ou os rallys de Ourense e Rías Baixas, ambas puntuables para o Supercampionato de España (S-CER), son sen dúbida un bo barómetro do peso que está a acadar o automobilismo galego no calendario nacional”, asegurou.
A delegada territorial puxo a cita naronesa como exemplo do forte arraigo local das probas que se celebran na xeografía galega e alentou á súa organización, a cargo da escudaría Siroco Narón a seguir traballando por cumprir “moitas máis edicións”.