Lete Lasa destaca a base como o elemento sobre o que debe reconstruírse Pobra na presentación do Campionato de España de Trainerillas

A Xunta de Galicia aprobou unha axuda de carácter extraordinario de 60.000 euros ao Club Remo Pobra para garantir a súa viabilidade tras o incendio do pasado 5 de xaneiro e, agora, vén de autorizar o uso da nova sede do club no porto da Pobra cunha bonificación do 90% das taxas

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 19 de maio de 2025

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe o LXXVIII Campionato de España de Traineirillas que terá lugar nesta próxima fin de semana do 24 e 25 de maio. O mandatario galego lembrou o fatídico incendio da noite do 5 de xaneiro que afectou á totalidade do inmoble, destruíndo tanto a estrutura como tamén o equipamento que se atopaba no seu interior. Neste sentido, ratificou unha vez máis o apoio da Xunta de Galicia que, no mes de febreiro autorizou unha axuda de carácter extraordinario de 60.000 euros ao Club Remo Pobra para garantir a súa viabilidade. Ademais o Goberno galego vén de autorizar, asemade, o uso da nova sede do club no porto da Pobra cunha bonificación do 90% das taxas.

Lete Lasa fitou cara a base como o elemento sobre o que debe reconstruírse un club como Pobra que foi fundado en 1979 e que é un dos máis importantes de Galicia, especialmente, no banco fixo. Neste sentido, destacou os bateis e as trainerillas como as dúas embarcacións de base das traiñeiras e lembrou que, ademais deste Campionato de España de Trainerillas, A Pobra xa acolleu o Campionato de España de Bateis en 2024  con gran éxito. Ademais, o secretario xeral apuntou que, mentres no deporte federado galego, as licenzas de nenos e nenas de entre 6 e 16 anos representan o 40% das 320.000 fichas federativas, no caso do Club Remo A Pobra, son o 61% das súas 150 licenzas federativas.

O responsable do deporte galego agradeceu tamén o traballo da Federación Galega de Remo e a confianza da federación española, que volve apostar por Galicia como unha referencia no remo nacional e internacional, pois é o terceiro deporte, tras o atletismo e o piragüismo, que máis galegos ten levado a uns Xogos Olímpicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2025