O presidente participou hoxe en Vigo no acto de constitución do Comité Executivo de Navalia 2026

Rueda reafirma o apoio da Xunta ao sector naval e destaca a importancia estratéxica de Navalia como escaparate internacional da industria galega

Salienta a importancia dun eido que concentra o 3,5% do PIB industrial da comunidade e representa “a excelencia” e o que significa “Galicia Calidade” por todo mundo

Pon en valor o Plan Director da Construción Naval 2025-2027, dotado con máis de 62 M€, destinado a impulsar a dinamización industrial, a formación e a innovación

“Se ao naval lle vai ben, iralle ben a Galicia”, subliña

Vigo, 21 de maio de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto de constitución do Comité Executivo de Navalia 2026, un evento que cualificou como clave para o presente e futuro do sector naval galego e un referente consolidado no calendario industrial europeo. “É a primeira feira do naval de España e o sur de España que convirte a Vigo na capital do naval a nivel europeo”, salientou.

Na súa intervención, destacou que esta feira é moito máis ca un encontro profesional e representa o liderado de Galicia na industria do naval a nivel internacional. “A construción naval galega que capta contratos en todo o mundo é unha boa mostra da excelencia, desa Galicia Calidade que nos recoñece en todas partes”, indicou Rueda. 

O presidente destacou o papel decisivo dos empresarios galegos que en 2006 impulsaron a creación de Navalia en Vigo, convencidos de que Galicia debía ter unha presenza propia e relevante no escenario marítimo global. Hoxe, a feira está consolidada cun crecemento constante tanto en número de expositores como en volume de visitantes profesionais e participación internacional. 

O titular do Goberno galego fixo fincapé en que detrás das cifras de éxito hai unha realidade industrial sólida: unha industria naval que representa arredor “do 3,5% do PIB industrial galego”, dá emprego a milleiros de persoas e actúa como motor económico nos principais portos da Comunidade. Segundo os datos de 2024, Galicia concentra o 41% da actividade ponderada do naval estatal, lidera as botaduras, acumula o 40% da carteira nacional de pedidos e mantén a súa posición destacada en novos contratos. 

Rueda subliñou que o liderado non pode darse por suposto, e que cómpre consolidalo a través dunha política industrial ambiciosa. Neste senso, referiuse ao Plan Director da Construción Naval 2025-2027, aprobado no mes de marzo, cun orzamento de máis de 62 millóns de euros e que inclúe 62 medidas destinadas a impulsar a dinamización industrial, a formación, a innovación e a mellora das infraestruturas e do solo industrial. 

Tamén puxo en valor a aposta da Xunta pola formación especializada e pola captación de talento, a través de iniciativas como o futuro decreto de microcredenciais, os Bonos Talento Empresa, ou programas dirixidos á mocidade como o de primeira experiencia profesional. A isto habería que sumar a Estratexia Galicia Retorna, cun investimento de 450 millóns de euros ata 2026, coa que se pretende atraer profesionais cualificados do exterior mediante acordos internacionais e eventos de emprego. 

O xefe do Executivo autonómico sinalou que Navalia 2026 será unha plataforma clave para dar visibilidade aos avances derivados deste plan director, reforzar a marca Galicia no sector naval e ampliar a proxección internacional da feira. Rueda salientou o apoio da Xunta a un sector clave para a economía galega. “Se ao naval lle vai ben, iralle ben a Galicia”, indicou. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2025