Xunta e concello do Corgo avanzan na ampliación do polígono industrial
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co alcalde do municipio, Felipe Labrada
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe co alcalde do Corgo, Felipe Labrada, co obxectivo de avanzar na ampliación do polígono industrial deste municipio lucense.
No encontro Lorenzana aproveitou para trasladarlle o compromiso firme da Xunta e ofreceulle colaboración para avanzar nas posibilidades de desenvolvemento de solo empresarial e industrial. Nesta liña, lembrou que entre os anos 2009 e 2025, a Consellería de Economía e Industria apoiou ao concello, ás empresas e á veciñanza do Corgo con preto de 4,5 millóns de euros.
A estratexia do Goberno galego pasa por facilitar o asentamento de novas empresas en Galicia e ampliar as que xa están instaladas, e por desenvolver solo industrial nos concellos que teñen necesidade e onde as empresas están esperando para poder asentar as súas industrias. Trátase de ter un desenvolvemento industrial homoxéneo en toda a Comunidade.