A Xunta denuncia que o Goberno central consuma o recorte en políticas de igualdade ao aprobar a redución dos fondos do Plan Corresponsables
Galicia deixará de recibir 2,3 millóns de euros xa este ano para financiar actividades e recursos de conciliación de concellos, asociacións de pais e nais e entidades sociais
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025
A Xunta denuncia que o Consello de Ministros aprobou hoxe o recorte dun 25% da súa achega ao Plan Corresponsables, o que supón unha baixada de case 50 millóns de euros. Este recorte provoca unha diminución de fondos por parte do Ministerio de Igualdade para políticas de conciliación e corresponsabilidade, pasando de 190 millóns de euros a 142,5 xa para este mesmo ano.
A Xunta advirte de que con esta medida, que “amosa a falta de compromiso e de responsabilidade do Executivo central co fomento da conciliación e a igualdade”, Galicia deixará de recibir 2,3 millóns de euros que xa tiña comprometidos e que destina a tres liñas de axudas a concellos, entidades de iniciativa social e ANPAS, cuxa resolución está a punto de saír no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Con esta decisión, o Executivo central cambia o modelo de financiamento destes fondos que distribúe ás Comunidades Autónomas desde o ano 2021, o que supón “a modificación das regras de xogo na metade do exercicio”, cando os orzamentos das Comunidades están xa en vigor e comprometidos.
Cómpre lembrar que a través destas subvencións, a Xunta sufraga accións de conciliación corresponsable durante todo o ano, campamentos, servizos de madrugadores, entre outros programas de sensibilización en materia de corresponsabilidade. O ano pasado, máis de 30.000 nenas e nenos e as súas familias beneficiáronse do Plan Corresponsables e, a través del, achegáronse recursos a 170 concellos, 60 ANPAS e unha vintena de entidades sociais, uns números que este ano Galicia ten previsto incrementar.