O Colexio Rural Agrupado A Lagoa, de Salvaterra de Miño, estrea nova biblioteca polo seu 25 aniversario
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa felicita á comunidade educativa e destaca o dinamismo deste espazo, no que a Xunta investiu máis de 5.000€
Salvaterra de Miño (Pontevedra), 20 de maio de 2025
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, felicitou hoxe á comunidade educativa do Colexio Rural Agrupado CRA A Lagoa, en Salvaterra de Miño, polo seu 25 aniversario. Fíxoo no acto de apertura da nova e ampliada biblioteca do centro, impulsada no marco da celebración desta conmemoración.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor o dinamismo do colexio arredor da biblioteca. Non en balde, está integrada desde o curso 2020/21 no Plan de mellora de bibliotecas escolares, programa co que o Goberno galego investiu nos últimos anos máis de 5.000€ no centro. Cómpre destacar que, ademais da biblioteca central, cada unha das escolas ten a súa propia biblioteca con libros e material creativo, ademais dunha colección itinerante entre aulas.
A nova biblioteca do CRA A Lagoa está dotada de libros, xogos, material tecnolóxico e de experimentación. O obxectivo é converter este espazo nun laboratorio de aprendizaxe e descubrimento para os nenos do centro, na liña do espírito do Plan Lía, (Lectura, Información e Aprendizaxe), a folla de ruta da Xunta na que se enmarcan todos os programas de bibliotecas escolares.