O conselleiro de Sanidade, xunto coa directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa, asinou os convenios de colaboración cos presidentes das asociacións Fademga, Aspace e Down Galicia

Gómez Caamaño salienta o compromiso da Xunta coa inclusión real e efectiva das persoas con discapacidade intelectual, ao incorporar 140 persoas no sistema público de saúde desde 2016

Agradece a colaboración das entidades que asesoran ao Servizo Galego de Saúde na formación previa dos profesionais, na adaptación do seu posto de traballo e no seguimento posterior

Subliña que as prazas ofertadas para persoas discapacidade intelectual contribúen a engrandecer a sanidade pública

Felicita a Adrián Andrade, celador no Hospital Clínico de Santiago, quen deu o seu testemuño profesional tras a sinatura dos convenios

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo de relevancia o compromiso da Xunta coa inclusión real e efectiva das persoas con discapacidade intelectual, xa que desde o ano 2016 ten incorporado 140 profesionais ao sistema público de saúde.

Hoxe o conselleiro de Sanidade, xunto coa directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa, renovou, no Edificio Administrativo de San Lázaro, os convenios con tres entidades que colaboran coa sanidade pública na inclusión das persoas con discapacidade ao seu cadro de persoal.

Gómez Caamaño asinou os convenios coa Federación de Asociacións en favor das persoas con Discapacidade Intelectual, Fademga Plena Inclusión Galicia, xunto co seu presidente Eladio Fernández; coa Federación de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral, Aspace Galicia, a través da súa presidenta Concepción Somoza; e con Down Galicia, co seu presidente Delmiro Prieto.

O titular da carteira sanitaria agradeceu o labor das tres asociacións coas que o Servizo Galego de Saúde seguirá a colaborar para desenvolver formación específica previa á incorporación ao traballo de persoas con discapacidade intelectual, a adaptación a cada posto de traballo, o seguimento continuo e a formación permanente en competencias clave ao longo da súa carreira.

Gómez Caamaño indicou que tamén se contemplan talleres prácticos de intercambio de experiencias dirixidos ao resto de persoal que traballa no Servizo Galego de Saúde con estes empregados públicos, dado que a inclusión require concienciación, formación e acompañamento.

Desde 2016 o Servizo Galego de Saúde ofertou 245 prazas reservadas a persoas con discapacidade intelectual. Ata o momento, xa foron cubertas 140, en concreto: 45 celadores, 23 técnicos en coidados auxiliares de enfermería (TCAE), 23 de persoal de servizos xerais (PSX), 10 técnicos en farmacia e 39 pinches.

Unha desas persoas que conta cun posto de traballo digno e adaptado ás súas capacidades é Adrián Andrade Lorenzana, celador no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. O conselleiro de Sanidade deulle os parabéns polo seu labor diario na sanidade pública despois de escoitar o seu testemuño tras a sinatura dos convenios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2025