A Xunta homenaxea a oito profesionais xubilados na delegación territorial de Ferrol no último ano
Ferrol, 22 de maio de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, trasladou esta mañá o agradecemento do Goberno galego ao persoal da Administración autonómica adscrito á Delegación Territorial de Ferrol que se xubilou no último ano.
No acto, que se desenvolveu no salón de actos da Delegación, rendeuse homenaxe a oito profesionais de distintas consellerías aos que se lles fixo entrega dunha placa conmemorativa.
Aneiros puxo en valor o seu traballo dedicado ao exercicio do servizo público que cualificou de “fundamental para o desenvolvemento e o benestar dos cidadáns de Ferrol e as súas comarcas” e agradeceulles a súa dedicación e implicación ao longo de toda a súa carreira profesional. Por último, manifestoulles os seus mellores desexos para esta nova etapa que comezan.