José Ramón Parada explicou o avance nas obras da maior infraestrutura sanitaria executada polo Goberno galego, que optimizarán a calidade asistencial na área da Coruña e Cee
O xerente do Servizo Galego de Saúde remarca que a Xunta está a executar investimentos por 85 M€ no novo Hospital Público da Coruña
José Ramón Parada precisa que o Goberno galego está a executar, nestes momentos, as obras de construción da Torre Polivalente, dos accesos, a urbanización de Pedralonga e da demolición do Hotel de Pacientes, ademais da xestión das expropiacións
O xerente do Servizo Galego de Saúde salienta que o Goberno galego agarda licitar a Fase 2 do Novo CHUAC antes de que remate este ano
Lembra que unha vez finalizado o Novo CHUAC, que superará os 500 M€, a atención sanitaria contará cun 15 % máis de camas hospitalarias, un 50 % máis de consultas e un 108 % máis de postos de urxencias
Destaca a complexidade na execución da obra, cos procesos de tramitación previos, as expropiacións e as condicións exixidas polo Ministerio de Transportes para realizar os accesos ao complexo hospitalario
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, remarcou este mediodía no Parlamento de Galicia que a Xunta está a executar investimentos por importe de 85 M€ no novo Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC. Engadiu que esta actuación representa o maior investimento da Xunta de Galicia a nivel sanitario e superará os 500 M€ de orzamento.
No marco da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, detallou que actualmente se está a executar a construción da Torre polivalente, os accesos ao complexo, a urbanización de Pedralonga na que se emprazarán vivendas dos expropiados e a demolición do Hotel de pacientes. “Todo isto mantendo o 100 % da actividade de asistencia sanitaria”, puxo en valor Parada.
O xerente do Servizo Galego de Saúde lembrou que esta actuación posibilitará incrementar nun 15 % as camas hospitalarias, nun 50 % o número de consultas e nun 108 % os postos de urxencias.
Durante a súa intervención tamén avanzou que o Goberno galego agarda licitar a Fase 2 do Novo CHUAC antes de que remate o presente ano.
O xerente referiuse á complexidade na execución das obras, polos procesos de tramitación previos necesarios, as expropiacións e as condicións exixidas polo Ministerio de Transportes para realizar os accesos ao complexo hospitalario.
“Cada un deses procesos contou cunha enorme complexidade, debéronse afrontar desafíos que requiriron de solucións extraordinarias non previstas na programación inicial”, puntualizou.
Máis polo miúdo, explicou que a titularidade estatal das vías nas que se debía actuar para conectar os accesos do complexo hospitalario “complicou extraordinariamente o seu deseño”.
“Analizáronse ata 20 alternativas e mantivemos innumerables contactos co Ministerio, pero non acadamos unha resposta satisfactoria para as necesidades do Novo CHUAC”, lamentou Parada, ao tempo que salientou que, finalmente, a Xunta optou por asumir a titularidade de tres quilómetros da AC-12.
O xerente do Servizo Galego de Saúde puxo en valor tamén que a Administración autonómica procurou reducir ao mínimo a afección ás vivendas próximas ao complexo hospitalario e que, ademais, procurouse que os veciños puideran manter as súas residencias nunha contorna próxima, en Pedralonga.
“A obra estase a realizar coa máxima celeridade posible e coas máximas garantías e seguridade sanitaria” concluíu Parada, subliñando que o Novo CHUAC “é un proxecto absolutamente prioritario para a Xunta”.