A Xunta colabora co XIX Torneo Internacional de fútbol veterano ‘Vila de Ribadeo’ que esta fin de semana reunirá a 82 equipos de nove países

Ribadeo (Lugo), 22 de maio de 2025

A Xunta colabora co XIX Torneo Internacional de fútbol veterano ‘Vila de Ribadeo’ que se desenvolverá os vindeiros sábado 24 e domingo 25 de maio coa participación de 82 equipos de tres continentes. O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, participou esta mañá na presentación do evento xunto a representantes da Asociación de Veteranos do Ribadeo FC, organizadora do campionato, do Concello de Ribadeo e da Asociación de Comerciantes (Acisa).

No torneo daranse cita 82 equipos chegados dende distintas comunidades de España, ademais de México, Arxentina, Portugal, Irlanda, Francia, Italia, República Checa e Bangladesh. Entre xogadores e acompañantes, os organizadores prevén reunir en Ribadeo a máis de 2.000 persoas.

A competición manterá este ano a diferenciación por idades -para maiores de 35 anos ou para maiores de 45 anos- que se incluíu como novidade na pasada edición. Os partidos disputaranse en campos de fútbol dos concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Lourenzá, e Mondoñedo e de municipios do occidente de Asturias, como Tapia de Casariego ou Coaña.

Ademais da vertente deportiva, o torneo ‘Vila de Ribadeo’ ten un claro obxectivo solidario e nesta ocasión está dedicado a axudar a Iriana, unha nena da localidade que precisa un tratamento médico especializado moi custoso para tratar a enfermidade rara que padece.

O delegado territorial destacou o apoio da Xunta a este evento “que non deixa de medrar e que se ten convertido en todo un referente para os amantes do fútbol sénior, cunha gran repercusión a nivel nacional e internacional”. Destacou ademais o carácter solidario da convocatoria, “demostrando que o deporte pode ser unha ferramenta poderosa para xerar un impacto social positivo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2025