A Xunta iniciará a vindeira semana os traballos de limpeza nas marxes de tres estradas autonómicas ao seu paso polas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra

Trátase de actuar nas estradas LU-122, ao seu paso polos concellos da Pastoriza, Riotorto, Mondoñedo e Lourenzá; na OU-402, en Ourense e Cortegada; e na PO-344, no seu percorrido polo concello pontevedrés de Tomiño

Proseguirán tamén estas tarefas en distintas vías de titularidade da Xunta nos seus percorridos polos municipios de Cerceda, Carballo, Valdoviño, Noia, Bóveda, Xove, Tui, Nigrán, Moaña, Cangas do Morrazo e Bueu

Estas intervencións forman parte do contrato con Seaga para o control da biomasa das marxes das vías da Xunta, cun investimento de 4 M€

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2025

A Xunta comezará esta vindeira semana os traballos de limpeza e roza nas marxes das estradas autonómicas LU-122, ao seu paso polos concellos da Pastoriza, Riotorto, Mondoñedo e Lourenzá; na estrada OU-402, en Ourense e en Cortegada; e na PO-344, no seu percorrido polo concello pontevedrés de Tomiño.

Ademais, continuarán os traballos de roza que se están a levar a cabo en distintos treitos das vías de titularidade da Xunta nestas provincias e na da Coruña.

Deste xeito, na provincia da Coruña, proseguirán as labores iniciadas hai unhas semanas nas estradas AC-413, ao seu paso por Cerceda e Carballo; na AC-566 no municipio de Valdoviño; e na vía de altas prestacións CG-1.5 en Noia.

Tamén proseguiran as tarefas en execución na provincia de Lugo na vía de altas prestacións GG-2.2, en Bóveda, e na CG-2.3, en Xove.

Ademais, na provincia de Pontevedra, seguirá avanzándose nas labores de limpeza e roza nas marxes da PO-340, ao seu paso por Tui e Nigrán; na autovía AG-4.6, en distintos tramos da vía de altas prestacións e da CG-4.1, que unen os municipios de Moaña e Cangas; e tamén na VG-4.6, en Cangas e Bueu.

Seguridade viaria

Todas estas intervencións consisten na limpeza e roza de vexetación na zona de dominio público das estradas de titularidade da Xunta, e na reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas autonómicas ou no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

As actuacións da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas están enmarcadas no contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que conta cun investimento total de 4 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2025