Case 200 universitarios aprenderán idiomas este verán no estranxeiro co programa Galemundo da Xunta

O Goberno galego concédelles axudas de ata 1.500€ para que melloren as súas competencias en linguas estranxeiras en calquera país do mundo

O destino máis visitado será Canadá, seguido de Malta, Irlanda, Italia, Reino Unido, Francia, Alemaña, Xapón, Estados Unidos, Portugal, China e Corea do Sur

Por universidades, 67 son da USC, 58 da UVigo e 53 da Universidade da Coruña

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2025

Un total de 178 alumnos das tres universidades públicas galegas realizarán este verán un curso de idiomas no estranxeiro ao abeiro do programa Galemundo, co que a Xunta de Galicia impulsa a internacionalización do ensino. O obxectivo é que os estudantes melloren as súas competencias en linguas estranxeiras e, como consecuencia, a súa cualificación.

As axudas son de 1.200€ para estadías realizadas en países de Europa e de 1.500€ para estadías no resto do mundo. Os beneficiarios asistirán, de xeito presencial, a un curso idiomático nun país estranxeiro no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de agosto cun mínimo de 45 horas lectivas. A lingua na que se realice deberá corresponderse coa oficial do país elixido e ser diferente do español.

Segundo o perfil dos participantes nesta experiencia, o 70% son mulleres e o 30% son homes. De todos eles, un total de 67 son alumnos da Universidade de Santiago de Compostela, 58 da de Vigo e 53 da Universidade da Coruña. Por ramas de coñecemento, 85 deles cursan estudos na área de Ciencias Sociais e xurídicas, 28 en Enxeñaría e Arquitectura, 25 en Artes e Humanidades, 24 en Ciencias da Saúde e 16 en Ciencias.

En canto aos países de destino, o máis visitado será Canadá, con 40 alumnos, un incremento moi considerable respecto dos 10 alumnos que fixeron os cursos neste país na pasada edición. Séguenlle Malta (39), Irlanda (34), Italia (18), Reino Unido (16), Francia (14), Alemaña (9), Xapón (3), Estados Unidos (2), Portugal (1), China (1) e Corea do Sur (1).

Máis de 7.000 persoas, entre estudantes e docentes, participan ao longo deste curso en mobilidades no estranxeiro a través do programa Galemundo, que aglutina todas as bolsas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP neste eido para facilitar que alumnos e profesores poidan viaxar a outros países e mellorar as súas competencias en idiomas. O Goberno galego destina este ano máis de 15M€ a esta nova iniciativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2025