A localidade danesa de Aarhus acolleu a representantes das sete rexións europeas que participan nesta iniciativa

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde comparte as boas prácticas da sanidade galega na terceira xuntanza do Proxecto Hércules

Trátase dun Plan estratéxico a nivel europeo para o despregamento e posta en común de solucións innovadoras na contorna dos servizos públicos de saúde

Os representantes do departamento sanitario galego presentaron a experiencia de Galicia no marco da Compra Pública Innovadora

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2025

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) vén de participar na terceira xuntanza do Proxecto europeo Hércules, no que sete rexións europeas comparten as súas experiencias e boas prácticas no eido da innovación sanitaria.

A localidade danesa de Aarhus acolleu dúas xornadas nas que o director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, José María Romero; e as xestoras do proxecto Andrea Fernández e Ana Sabina Sande, presentaron a experiencia de Galicia no marco da Compra Pública Innovadora, recoñecida a nivel europeo.

Durante a primeira das xornadas, desenvolveuse un relatorio sobre o funcionamento do sistema de saúde e a atención sanitaria no municipio de Aarhus, e unha presentación sobre boas prácticas centradas nas barreiras e facilitadores para a adopción de solucións innovadoras.

Así mesmo, o encontro interrexional serviu para realizar unha visita á exposición interactiva DokkX centro living lab do municipio de Aarhus destinado a mostrar novas tecnoloxías relacionadas coas demencias e discapacidade. Ademais, a Universidade de Twente presentou os informes rexionais e compartiu observacións relevantes cunha análise comparativa e a mellora das estratexias de implantación das boas prácticas compartidas no marco deste proxecto.

A segunda das xornadas centrouse en compartir os resultados das reunións cos grupos de acción local, extraendo aprendizaxes chave para orientar os próximos pasos do Proxecto Hércules. Ademais desenvolvéronse distintos talleres sobre os desafíos, fortalezas, oportunidades e debilidades da implantación das boas prácticas, co fin de identificar os seus posibles aspectos críticos.

O Proxecto Hércules conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros e o seu obxectivo é desenvolver un plan estratéxico a nivel europeo para o despregamento na contorna sanitaria de solucións que aborden a adopción de solucións innovadoras nos servizos públicos de saúde, baseado nunha análise das vulnerabilidades, recursos e capacidades das rexións implicadas.

O proxecto está conformado por sete rexións europeas e pretende a participación de todos os axentes da quíntuple hélice (cidadáns, autoridades rexionais, empresas, inversores e academia) a nivel rexional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2025