A Xunta licita por 6,6 M€ a subministración de sensores e o equipamento necesario para a monitorización non invasiva de pacientes
Esta será a primeira contratación centralizada que realiza o Servizo Galego de Saúde para este tipo de material e permitirá un aforro de máis de 280.000 euros cada ano
Os sistemas de monitorización son ferramentas cruciais para a asistencia ao doente crítico, xa que axudan a detectar disfucións orgánicas e orientan a abordaxe terapéutica
Inclúense, entre outros, os rexistros de frecuencia cardíaca, respiratoria, a temperatura ou a saturación de osíxeno
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2025
A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por un importe de 6.684.883 euros e un período inicial de tres anos, da subministración de sensores e do equipamento necesario para a monitorización non invasiva de pacientes con destino ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
Esta será a primeira contratación centralizada que realiza o Servizo Galego de Saúde para este tipo de material, permitindo un aforro de máis de 853.000 euros para os tres anos de vixencia do contrato; é dicir, un aforro de 284.567,61 euros ao ano (11,32 %).
O valor estimado do contrato, atendendo ás posibles prórrogas por dous anos, ascende a 10.312.767 euros.
Os sistemas de monitorización, de equipamento máis sensor, permiten a vixilancia e o rexistro e control dos signos vitais dos pacientes. Son ferramentas moi necesarias e cruciais na asistencia ao doente crítico, xa que axudan a detectar disfuncións orgánicas e orientan a abordaxe terapéutica.
Os parámetros máis habituais rexistrados por monitorización son a monitorización cardiovascular, a hemodinámica, a respiratoria, a intraabdominal e a neurolóxica.
Non todos os pacientes precisan do mesmo tipo de monitorización. Así, dependendo do doente, da súa patoloxía e do lugar no que se atope, aplicarase un nivel de monitorización diferente.
Para rexistrar a información que se pretende monitorizar existen dúas opcións, a invasiva e a non invasiva.
Dentro da monitorización non invasiva atópanse, entre outros, os rexistros de frecuencia cardíaca, a frecuencia respiratoria, a temperatura, a saturación de osíxeno, o electrocardiograma e a tensión arterial, podéndose realizar sen introducir ningún dispositivo ao paciente.
Máis de 2.200 equipos
O contrato abrangue o material funxible, desbotable e dun só uso que se utiliza de xeito cotián na maioría de procedementos de monitorización non invasiva realizados nos centros do Servizo Galego de Saúde.
O equipamento necesario para a realización desta monitorización é de 2.263 equipos (portátiles, independentes, de sobremesa, monitores, módulo integrable, etc.).
Entre os produtos que se adquirirán mediante este contrato están sensores de pulsioximetría desbotables para prematuros, neonatais e adultos que miden a saturación de osíxeno e a frecuencia cardíaca do paciente; sensores de medición da actividade cerebral adulto e pediátrico, permitindo indicar o nivel de profundidade anestésica en quirófano, UCI e Reanimación; e sensores para medición oximetría neonatal, pediátrica e de adulto, para a monitorización continua non invasiva da oxixenación rexional a nivel cerebral e somático.
A empresa adxudicataria deste contrato está obrigada a realizar unha formación completa no manexo do monitor, destinada ao persoal que o vai utilizar. Esta formación deberá estar dispoñible na plataforma da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, ACIS, durante seis meses logo da sinatura do contrato.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 23 de xuño para presentar as súas ofertas.