A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou as instalacións da firma e asinou o protocolo para a súa adhesión á Alianza Galega polo Clima

A Xunta salienta a contribución de empresas como Birdmind a que Galicia avance na consecución dos obxectivos climáticos e da economía circular

Ángeles Vázquez destaca que os principios desta iniciativa empresarial coinciden cos do Executivo galego, tanto nas medidas fronte ao quecemento global como no aproveitamento íntegro dos recursos dispoñibles, buscando o desperdicio cero

A conselleira agradece aos responsables da firma a súa adhesión á Alianza Galega polo Clima, que xa conta con máis de 200 socios entre distintas entidades

O Executivo autonómico lembra que o compromiso co medio ambiente do tecido produtivo foi clave para que a Comunidade sexa líder na redución das emisións de efecto invernadoiro e vaino ser tamén para acadar a neutralidade climática en 2040

Pontevedra, 27 de maio de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as instalacións da empresa Birdmind en Pontevedra e salientou a importancia de firmas coma esta para Galicia pois contribúen á consecución dos obxectivos climáticos e a avanzar nun modelo de economía circular.

A responsable autonómica destacou que se trata dunha iniciativa empresarial que aposta continuamente pola investigación e a innovación co obxectivo de ser plenamente circular mediante a fabricación de materiais para a construción e o deseño de interiores a partir de desperdicios agrícolas. Ademais, faino sen consumir auga e recorrendo a enerxías de orixe 100% renovable.

Por iso, incidiu a conselleira, é unha empresa cun xeito de traballar que coincide totalmente cos principios que defende a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tanto para facer fronte ao quecemento global como para o aproveitamento íntegro dos recursos dispoñibles, buscando o desperdicio cero.

Nesta liña, agradeceu aos responsables de Birdmind que decidisen adherirse á Alianza Galega polo Clima -asinaron hoxe o protocolo de incorporación-, pois serán todo un exemplo e referente para outras compañías tanto na mellora dos seus procesos produtivos para respectar o medio ambiente como á hora de incorporarse a esta iniciativa de loita contra o cambio climático que xa conta con máis de 200 socios entre empresas, universidades, autoridades portuarias e outras entidades.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, puxo en valor que o compromiso co medio ambiente do tecido produtivo vai axudar a que Galicia acade o seu ambicioso obxectivo de ser climaticamente neutra no ano 2040, unha década antes da meta fixada a nivel europeo.

Balance emisións

Nesta liña, a conselleira engadiu que o compromiso do tecido empresarial galego neste eido foi tamén o que permitiu que sexa a comunidade autónoma líder na redución das emisións de efecto invernadoiro respecto a 1990, cun descenso de preto do 62% e moi por enriba da rebaixa do conxunto de España, do 12,6%.

De feito, e co fin de avanzar neste eido, a Xunta está a pedir ao Goberno central que as autonomías poidan participar e xestionar activamente fondos do Plan Social para o Clima, que contará cun orzamento de 9.000 millóns de euros para o período 2026-2032 dos que o 75% será aportado por Europa e o 25% restante serán achegas estatais. En total, os recursos que se prevé mobilizar a nivel europeo a través do Fondo Social para o Clima roldan os 90.000 millóns de euros.

A empresa

Birdmind é un proxecto posto en marcha recentemente polo emprendedor David Camba, 100% circular e sostible, unha empresa pioneira na fabricación de materiais innovadores para a construción e o deseño de interiores a partir de desperdicios agrícolas. Nesta liña, deseña produtos que preservan os recursos naturais baixo distintos principios como Deforestación Cero, Libre de formaldehído ou Pegada hídrica cero.

O seu produto estrela agora mesmo é o taboleiro RiceTab, fabricado a partir de cascarilla de arroz -un subproduto agrícola- que evita recorrer a madeira virxe para a súa produción ao tempo que posúe propiedades ignífugas, hidrófugas e antifúnxicas. Ademais, ao final da vida útil dos produtos elaborados con este material, Birdmind ofrece un servizo de reciclaxe polo que o taboleiro se volve a triturar e se reincorpora ao ciclo de produción, pechando o círculo dunha cadea de subministración sen desperdicio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2025