O delegado territorial da Xunta visitou o IES O Couto da cidade de Ourense co gallo do Día Mundial sen Tabaco, o vindeiro 31 de maio

Manuel Pardo chama á mocidade e aos escolares da provincia a colaborar na loita contra o tabaquismo

O delegado territorial subliñou as actuacións de prevención, promoción e tratamento do tabaquismo, realizadas pola Xunta de Galicia dentro do Programa galego de vida sen tabaco

O lema escollido para este ano é “Desenmascaremos o seu atractivo: as tácticas da industria cos produtos de tabaco e nicotina ao descuberto”, co propósito de desvelar as tácticas que empregan as empresas do tabaco para facer que os seus produtos nocivos parezan atractivos aos mozos

Manuel Pardo significou unha das actividades específicas de prevención do tabaquismo no ámbito escolar, como é o concurso ‘Clases sen Fume’ que este nesta edición participaron 404 alumnos de 24 aulas de 10 centros educativos da provincia de Ourense

Ourense, 27 de maio de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe no IES O Couto da cidade das Burgas nun acto organizado co motivo do Día Mundial sen Tabaco, o vindeiro 31 de maio, convocado pola OMS co obxectivo de sensibilizar á poboación fronte ao tabaquismo, non só como principal factor de risco en moitas  enfermidades crónicas e claramente evitable, senón tamén sobre o impacto ambiental da industria tabacalera. O lema escollido para este ano é “Desenmascaremos o seu atractivo: as tácticas da industria cos produtos de tabaco e nicotina ao descuberto”, co propósito de desvelar as tácticas que empregan as empresas do tabaco para facer que os seus produtos nocivos parezan atractivos aos mozos.

Acompañado do xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, José Santiago Camba, e da directora territorial de Sanidade, Laura López, o delegado fixo un chamamento aos escolares e á toda mocidade da provincia para colaborar na loita contra o tabaquismo e tomar conciencia dos seus efectos nocivos para a saúde e o medio ambiente.

Manuel Pardo alertou que ningún produto do tabaco, incluídos os cigarros electrónicos, é seguro. Isto é especialmente importante no caso dos menores de 25 anos, nos que o uso da nicotina dana o seu cerebro aínda en desenvolvemento. As zonas deste órgano que se ven mais afectadas son as que controlan a atención, a aprendizaxe, o estado de ánimo e os impulsos.

E recalcou que os datos extraídos da enquisa sobre o uso de drogas en educación secundaria (ESTUDES, 2023) afirman que o 54.6% do alumnado entre 14 e 18 anos recoñece ter consumido cigarros electrónicos e o 57,9% pipas de auga e dan mostra de que  estes “produtos sedutores” están acadando as “intencións perversas” da industria tabaqueira.

Campaña

A Consellería de Sanidade, ademais deste acto e a colaboración con numerosas entidades na loita fronte ao tabaquismo, durante o curso escolar,  oferta ao alumnado de 1º e 2º de ESO o Programa “Clases sen fume” no que alumnos e profesores dunha aula comprométense a non fumar durante un período de 6 meses, ademais de elaborar e presentar 2 actividades relacionadas coa promoción da vida sen tabaco.

Durante este curso 2024/2025 participaron, nesta provincia, 404 alumnos de 24 aulas de 10 centros educativos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2025