A Xunta apoia con preto de 20.000 euros a sinalización e mellora do sendeiro de Gabián, no concello da Lama
As axudas con este fin beneficiaron a nove concellos da provincia de Pontevedra por valor de máis de 215.000 euros
O delegado territorial lembrou o compromiso do goberno galego co coidado e protección dos espazos naturais
A Lama (Pontevedra), 27 de maio de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado dos traballos de sinalización e mellora do sendeiro de Gabián, na serra do Cando, grazas a unha axuda da Xunta de preto de 20.000 euros.
Trátase dunha axuda destinada a estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural da Rede Natura 2000. O concello da Lama, que conta con máis de 3.000 hectáreas de territorio dentro desta rede, utilizou esta achega para mellorar a experiencia das centenas de persoas que acoden a gozar deste espazo natural.
Así, instaláronse paneis interpretativos en diferentes partes da ruta, con datos topográficos e outra información de interese; limpouse a contorna do sendeiro e mellorouse o trazado da ruta. Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a nove concellos da provincia de Pontevedra por valor de máis de 215.000 euros.
O delegado territorial aproveitou a visita para destacar a labor que se está a levar a cabo dende a Xunta e o “compromiso do Goberno galego coa protección e conservación das areas naturais”. Reguera tamén lembrou que estes espazos “non son solo lugares bonitos que visitar e desfrutar, son tamén parte da nosa identidade como galegos e, polo tanto, todas as institucións debemos involucrarnos no seu coidado”.