A Xunta apoia o Trail Heroica Sacra 2025, que se desenvolve do 27 ao 29 de xuño con distintas probas e competicións

Pantón (Lugo), 27 de maio de 2025

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe en Pantón na presentación do Trail Heroica Sacra 2025, que se celebra os días 27, 28 e 29 de xuño. Trátase dun campionato oficial formado por varias probas e submodalidades, cuxo trazado discorre entre viñedos, ríos e montes dos municipios de Chantada, O Saviñao, Sober e Pantón.

O Goberno galego colabora con esta cita, que organizan o club Galaico Trail Run e a peña Saltasebes de Chantada. Para Arias, o Trail Heroica Sacra “é un exemplo de como se pode conxugar deporte, turismo, natureza e cultura para dinamizar o territorio con respecto e visión de futuro”. 

A primeira xornada estará adicada a escolares, que protagonizarán o Peque Heroico. O sábado 28 desenvolveranse tres carreiras individuais con distancias de 33, 23 e 12 quilómetros, respectivamente; e unha de remudas de 23 quilómetros. O programa do domingo 29 inclúe as probas Ultra Heroica Miño e Sil; o Campionato Xunta de Galicia Ultra Trailrunning 2025 e andainas.

Data de actualización: 27/05/2025