O delegado territorial da Xunta supervisa o estado das obras da reforma e mellora da rúa en Fumaces, no concello de Riós

Manuel Pardo destacou que esta actuación é froito dun acordo de cooperación subscrito entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o concello, que supuxo un investimento total de máis de 237.000 euros, dos que o 70% foi unha achega do Goberno galego

O delegado territorial explicou que o obxectivo desta intervención, enmarcada no plan Hurbe, é mellorar a accesibilidade da poboación deste municipio ourensán e contribuír á mellora paisaxística da contorna do Camiño de Santiago

O representante do Goberno galego puxo en valor a continuada colaboración entre a Xunta e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial

Ourense, 28 de maio de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá, da man da alcaldesa, Eva María Barrio, o estado das obras da reforma e mellora da rúa Fumaces, no concello de Riós, grazas a un acordo de cooperación subscrito entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o ente municipal, se está a investir máis de 237.000 euros, dos que o 70% foi unha achega do Goberno galego

O delegado territorial explicou que o obxectivo desta intervención é mellorar a accesibilidade da poboación deste municipio ourensán e contribuír á mellora paisaxística da contorna do Camiño de Santiago. En concreto se está a levantar o pavimento existente, arranxando aqueles tramos da canalización de augas pluviais que presenten deficiencias e colocando unha nova pavimentación polo tramo que pasa a Vía da Prata.

Manuel Pardo explicou que esta actuación desenvólvese ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de iniciativas que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

Nesta liña, enmarcou estes traballos na continuada colaboración entre a Xunta e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

O representante do Goberno galego tamén lembrou que se trata dun exemplo dos beneficios que aporta a cooperación permanente e sólida coas entidades locais, co fin de acometer este tipo de obras, orientadas a frear o despoboamento, potenciando as  infraestruturas, servizos e equipamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2025