O Instituto IES Fernando Wirtz estrea instalacións renovadas tras un investimento da Xunta de preto de 600.000 €

O conselleiro de Educación, acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, inaugura as obras, no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica

Destaca que a actuación, de cambio de cuberta e pintado de fachadas, redunda nun maior confort térmico para a comunidade educativa e en mellor eficiencia enerxética

A Coruña, 28 de maio de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe no acto de inauguración das obras de cambio de cuberta e renovación de fachadas acometidas pola Xunta no Instituto IES Fernando Wirtz Suárez, cun investimento de case 600.000 €.

O titular do departamento educativo do Goberno galego puxo en valor a importancia desta actuación para mellorar o día a día da comunidade educativa, especialmente no que atinxe ao confort térmico do centro. Así mesmo, destacou que este tipo de obras contribúen a reducir o consumo enerxético das instalacións, “un dos principais obxectivos do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que a Xunta está a modernizar os centros, adaptándoos aos estándares do século XXI tanto a nivel educativo como das esixencias dun maior respecto medioambiental”, incidiu.

A intervención principal no instituto supuxo o cambio de máis de 2.200 m² de cuberta. No edificio principal substituíuse por paneis sándwich e reforzouse a estrutura metálica existente, así como as cerchas da estrutura principal. Ademais, mudouse a cuberta do saínte de acceso aos baños na entreplanta que dá á fachada posterior, a de policarbonato que dá ao interior do centro e as dos edificios anexos situados nas rúas Nosa Señora do Perpetuo Socorro e Castro Chané. A maiores, cambiáronse as baixantes e colectores por uns novos de PVC.

No que atinxe á fachadas, pintáronse e reparáronse. Tamén se colocaron novas luminarias exteriores e instaláronse varias arquetas ao pé das baixantes do edificio principal.

Case 19 M€ na Coruña

Román Rodríguez lembrou que a Xunta de Galicia está a investir preto de 18,6 M€ en 25 actuacións de ampliación, mellora e reforma en 22 centros educativos da cidade da Coruña ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.

Entre as intervencións máis recentes hai cinco xa rematadas, en concreto, o cambio de fiestras do Instituto IES Agra do Orzán (291.000 €) e as renovacións das cubertas do Colexio CEIP María Pita (369.000 €) e dos IES A Sardiñeira (401.000 €) e Fernando Wirtz Suárez (598.000 €).

Ademais, están xa en execución a rehabilitación integral do IES Plurilingüe Rafael Dieste (1,7 M€), as melloras sectoriais no IES Salvador de Madariaga (1,7 M€) e no IES Ramón Otero Pedrayo (544.000 €), a renovación da cuberta do IES Ramón Menéndez Pidal (724.000 €) e as obras para a instalación de ascensores nos CEIP Víctor López Seoane (73.000 €), San Francisco Javier (198.000 €) e nos IES Monte das Moas (70.000 €) e Urbano Lugrís (63.000 €). Está adxudica reforma do salón de actos do Centro Integrado de FP Imaxe e son (927.000€) e licitada tamén a cubrición da pista do IES Salvador de Madariaga (511.000 €).

No que atinxe ao resto das obras comprometidas, xa están redactados os proxectos para as rehabilitacións integrais dos CEIP Sagrada Familia (992.000 €) e Plurilingüe Víctor López Seoane (867.000 €), así como do CIFP Ánxel Casal–Monte Alto (2,4 M€). Tamén os do peche lateral da pista cuberta do CEIP María Pita (200.000 €), do cambio de cuberta do CEIP Sal Lence (215.000 €), para completar o peche da pista cuberta do CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma (216.000 €) e da reforma da cuberta dos talleres do CIFP Someso (100.000 €). Así mesmo, está en redacción o proxecto da rehabilitación integral do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (2,3 M€).

A maiores, avánzase nos trámites previos para as obras de ampliación previstas nos CIFP Imaxe e Son (1,3 M€) e Paseo das Pontes (500.000 €) e no IES Agra do Orzán (1,25 M€).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2025