O conselleiro de Sanidade interveu na mesa inaugural de responsables de saúde no marco do 24 Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria

Gómez Caamaño subliña a aposta de Galicia por liderar a transformación do sistema sanitario para acadar unha atención integral e personalizada baseada en resultados en saúde

Remarca que Galicia deu un salto cualitativo na súa transformación dixital coa implantación da historia clínica electrónica IANUS 5, que está a ser un modelo único en España

Refire que o seu departamento leva máis de dúas décadas traballando a favor da sostibilidade con medidas de eficiencia enerxética nos centros sanitarios

Avoga pola transformación profunda da atención primaria, reforzándoa como eixo vertebrador do sistema e dotándoa de novas ferramentas tecnolóxicas e organizativas

Zaragoza, 28 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou a aposta de Galicia por liderar a transformación do sistema sanitario para acadar unha atención integral e personalizada baseada en resultados en saúde.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, xunto cos conselleiros de Sanidade de Aragón, Cantabria, Castela-A Mancha, Cataluña, Canarias, Baleares e Navarra, interveu na Mesa inaugural de conselleiros de saúde: Liderando a transformación, no marco do 24 Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria, que organiza a Sociedade Española de Directivos da Saúde.

Gómez Caamaño destacou que Galicia deu un salto cualitativo na súa transformación dixital coa implantación da historia clínica electrónica IANUS 5, que está a ser un modelo único en España, posibilitando integrar todos os niveis asistenciais e o seguimento continuo dos pacientes ao ofrecer unha organización dos datos moito máis estruturada.

A Xunta tamén é pioneira na creación do Consello Asesor de Intelixencia Artificial para garantir o uso responsable e eficaz das ferramentas no ámbito sanitario. Neste apartado, o conselleiro incidiu que para o Goberno galego a ciberseguridade é unha prioridade absoluta, posto que xestiona máis de tres mil millóns de datos clínicos. Ao respecto, puxo en valor a obtención de Galicia da certificación de nivel alto do Esquema Nacional de Seguridade en todos os seus sistemas.

En materia de sostibilidade, na súa intervención no Congreso, o conselleiro destacou a aprobación da Estratexia Galega de Saúde 2030, que é a folla de ruta do compromiso coa cidadanía e os profesionais.

Tamén referiu que o seu departamento leva máis de dúas décadas traballando a favor da sostibilidade con medidas de eficiencia enerxética nos centros sanitarios, o que levou ao Servizo Galego de Saúde a ser recoñecido como campión climático da sanidade en Europa.

Transformación da atención primaria

Gómez Caamaño avogou pola transformación profunda da atención primaria, reforzándoa como eixe vertebrador do sistema e dotándoa de novas ferramentas tecnolóxicas e organizativas.

Así mesmo, insistiu en solicitar do Goberno de España solucións eficaces ao problema do déficit estrutural de profesionais sanitarios.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro reafirmou a aposta do seu departamento por unha xestión sanitaria baseada en valor, con resultados en saúde e na medición rigorosa do seu impacto real na vida das persoas.

Tamén dixo que a súa visión é liderar a transformación do sistema desde o valor, a equidade, o coidado e a innovación, e amosouse convencido de que transformar a sanidade non é facela máis moderna, senón máis próxima e eficiente, que é o camiño que está a seguir a Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2025