A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, recibiu hoxe unha delegación da Embaixada de Filipinas en España
Lorenzana destaca Filipinas como un mercado con oportunidades para diversificar as exportacións galegas de sectores industriais
En 2024 as exportacións galegas a Filipinas acadaron os 15 M€
Por sectores, as industrias químicas, o téxtil e o metalmecánico amosaron nos últimos anos saldos comerciais positivos e ascendentes
Lorenzana ratifica o compromiso do Goberno galego con dar apoio ao tecido empresarial para expandirse no mercado exterior e ampliar a súa capacidade exportadora, logo de que no ano 2024 Galicia alcanzase un novo máximo histórico ao superar os 31.000 M€
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, recibiu hoxe unha delegación da Embaixada de Filipinas en España, encabezada polo cónsul xeral, Mark Hamoy, con quen abordou as oportunidades que existen para afianzar as relacións comerciais entre Galicia e o país asiático.
Nos últimos anos, as exportacións galegas a Filipinas foron crecendo e pasaron de 7,9 M€ en 2020 a 15 M€ o pasado ano. Ata marzo de 2025, xa suman 6,1 M€. En relación ao número de empresas exportadoras, en torno a unha vintena xa o levan facendo de forma regular neste período. En 2024 foron 88 as empresas galegas que comercializaron os seu produtos e servizos no mercado filipino, das que 23 eran exportadoras regulares. E en 2025 son, ata o de agora, 36, das que 17 exportan regularmente ao país.
Por sectores, as industrias químicas, o téxtil e o metalmecánico amosaron saldos comerciais positivos, con exportacións crecentes nos últimos anos e niveis de importación baixos. Destaca, especialmente, o primeiro deles (industrias químicas) que pasou de exportar en 2020 0,3 M€ a 5,1 M€ o ano pasado. Filipinas tamén é un mercado de vendas para o sector agroalimentario galego, a industria da maquinaria e o TIC.
Neste contexto, na xuntanza púxose de manifesto que existen oportunidades para diversificar e incrementar as exportacións galegas a Filipinas en sectores industriais. E, ao respecto, informou de que as liñas de axudas da Xunta para internacionalización, o programa Foexga (2,4 M€) e Galicia Exporta Organismos Intermedios (1,5 M€), xa están convocados.
Xestionados polo Instituto Económico de Galicia (Igape), o primeiro destes programas, o Foexga, realízase en colaboración coas cámaras de comercio e contempla a organización de máis de 100 misións empresariais ao estranxeiro nas que se prevé que participen arredor de 400 pemes galegas. Unha delas, de feito, será a Filipinas e Indonesia e terá lugar o vindeiro mes de xuño coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Lorenzana concluíu ratificando o compromiso do Goberno galego con dar apoio ao tecido empresarial para expandirse no mercado exterior e ampliar a súa capacidade exportadora, logo de que no ano 2024 Galicia alcanzase un novo máximo histórico ao superar os 31.000 millóns de euros (31.019M€).