O conselleiro de Sanidade inaugurou esta tarde en Sanxenxo o I Encontro de medicina e enfermería de familia e comunitaria
Gómez Caamaño subliña o fito que supón para a atención primaria que Galicia cubra a totalidade das 260 prazas de formación especializada en medicina e enfermería familiar e comunitaria
Galicia acada este ano a cobertura das 207 prazas na especialidade de medicina familiar e comunitaria ofertadas e tamén das 53 de enfermería familiar e comunitaria
A proposta realizada pola Xunta ao Ministerio de Sanidade de eliminar a nota de corte para a elección de prazas e recuperar a elección presencial, que se aplicou este ano, resultou acertada
Sanxenxo (Pontevedra), 30 de maio de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou o novo fito acadado pola atención primaria galega ao conseguir cubrir a totalidade das prazas de formación convocadas para a especialidade de medicina e de enfermería comunitaria, un total de 260.
Segundo explicou, “Galicia terá a maior cobertura de prazas de formación en atención primaria dos últimos anos”, ao lograr cubrir 207 prazas na especialidade de medicina familiar e comunitaria e outras 53 no ámbito da enfermería.
O titular da carteira sanitaria da Xunta destacou que este feito amosa que as propostas trasladadas polo Goberno galego ao Ministerio de Sanidade, no referido á eliminación da nota de corte e á recuperación do sistema de elección de praza presencial que ao fin se aplicaron este ano, eran medidas necesarias e acertadas.
Apuntou, ademais, que a sanidade galega conseguiu cubrir este ano as 657 prazas ofertadas no ámbito da atención sanitaria especializada.
Durante a súa intervención no primeiro encontro organizado pola Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG Galicia), e a Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC), Gómez Caamaño remarcou a aposta da Xunta pola atención primaria, un nivel asistencial que se debe coidar e potenciar, ao tratarse da porta de entrada da poboación á sanidade.
A este respecto lembrou a aposta que está a realizar a Xunta neste ámbito da sanidade, cun orzamento en atención primaria que neste ano acada os 1.668 millóns de euros, un 5,4 % máis.
O Goberno galego traballa no reforzo da atención primaria en todos os seus niveis, coa dotación de novos equipos, a elaboración de novos plans e protocolos ou a construción e reforma de máis de 136 centros de saúde desde o ano 2009 que supuxeron un investimento autonómico próximo aos 160 millóns de euros.
Ademais, o departamento sanitario da Xunta está a traballar nun novo Plan de recursos humanos en atención primaria para identificar e planificar as necesidades deste nivel asistencial de cara aos vindeiros anos.