A Xunta financia con máis de 420.000 euros actuacións de mellora da eficiencia enerxética en cinco empresas turísticas de Ferrolterra

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o hotel-restaurante Porta das Fragas ao que se lle concedeu unha achega autonómica de 300.000 euros na última convocatoria

Destacou a importancia destas axudas que permiten aos establecementos turísticos aforrar no seu consumo eléctrico, mellorar a calidade e avanzar en sostibilidade

A Capela (A Coruña), 2 de xuño  de 2025

A Xunta financia con 424.664 euros actuacións de mellora da eficiencia enerxética en cinco empresas turísticas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o hotel-restaurante Porta das Fragas, na Capela, que recibiu una achega autonómica de 300.000 euros a través desta convocatoria de Turismo de Galicia.

Tal e como puido comprobar Aneiros, a subvención concedida destinouse á mellora do illamento da envolvente térmica do inmoble, así como para a instalación dunha bomba de aerotermia e a instalación de enerxía fotovoltaica. Ademais mellorouse a eficiencia enerxética nas instalacións de iluminación.

A representante do Goberno autonómico indicou que, como norma xeral, a intensidade da axuda foi de ata un 70% do coste total subvencionable do proxecto; aínda que puido chegar ao 80 ou 90% no caso no que se acreditasen aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30%.

Lembrou ademais que como novidade, a convocatoria abriuse aos establecementos de restauración, non só de aloxamento como ata o momento; sufragouse a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte; non se pediu antigüidade mínima nos edificios a rehabilitar e non houbo unha esixencia mínima de aforro enerxético, entre outras. 

A delegada territorial destacou a relevancia destas axudas para o sector turístico en tanto “non só lles permite aforrar no consumo eléctrico, senón tamén avanzar en sostibilidade e mellorar a calidade dos servizos que prestan” e lembrou que se trata dunha medida incluída dentro da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 da Xunta, que ten como obxectivos impulsar a modernización dos establecementos turísticos, afondar na competitividade do sector, e seguir aproveitando o potencial turístico de Galicia dunha forma sostible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2025