A Xunta anima a sumarse antes do 10 de xuño á campaña 'Días Azuis do Comercio Galego’ para apoiar aos negocios retallistas
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou desta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración durante unha visita ao negocio Calzados Mayka, en Narón, adherido á mesma
Os participantes entrarán no sorteo de 20.000 euros en premios distribuídos en 44 tarxetas prepago de 250 euros e 60 de 150 euros
Narón (A Coruña), 2 de xuño de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, animou aos veciños de Ferrolterra a sumarse á campaña Días Azuis do Comercio Galego que desenvolve a Xunta e a Federación Galega de Comercio para apoiar aos negocios de proximidade, impulsar as vendas e garantir o mantemento dos negocios.
Durante unha visita ao negocio Calzados Mayka, en Narón, adherido á iniciativa, lembrou que poden participar na mesma tódolos clientes de calquera comercio de proximidade de Galicia que realicen as súas compras antes do 10 de xuño, entre os que se sortearán 20.000 euros en premios distribuídos en 44 tarxetas prepago de 250 euros e 60 de 150 euros. O sorteo destes premios realizarase ante notario o 12 de xuño.
Ademais como novidade desta edición inclúese o sorteo en directo entre os asistentes á entrega de premios prevista para finais de xuño dun premio final de 3.000 euros, para gastar nunha única xornada de compras na localidade elixida pola persoa que resulte gañadora.
Segundo destacou Aneiros, esta é unha iniciativa que demostra o compromiso do Goberno galego coa dinamización deste sector e que se suma a outras accións de apoio como é o Bono Comercio que se impulsarán de novo este ano, de xeito inminente.
As persoas interesadas en participar na campaña deben rexistrar directamente a súa compra en www.diasazuis.com a través de calquera dispositivo electrónico (móbil, tablet ou ordenador). A participación tamén pode ser rexistrada polo comerciante a través da plataforma www.diasazuis.com/comercios, onde se pode introducir directamente a operación de compra dos clientes, duplicando deste xeito as súas opcións de gañar. En tódolos casos, o cliente deberá fotografiar e gardar o seu ticket de compra como xustificante da mesma.
A campaña Días Azuis do Comercio Galego é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio e conta co apoio das Federacións Provinciais de Comercio, as asociacións de comerciantes, os centros comerciais abertos de Galicia e de Abanca.