Esta mañá, o delegado territorial da Xunta e a alcaldesa, presentaron as distintas actividades desta celebración festiva que se desenvolverá en Bande do 13 ao 15 de xuño
Manuel Pardo enxalza a ‘LIV Edición da Festa do Peixe de Bande’
O delegado territorial subliñou que se trata de 54 anos espallando a riqueza gastronómica da contorna e dando a coñecer o potencial turístico da zona
Unha das novidades desta edición é a ampliación do Mercado do Xurés coa presenza do Mercado Doce de Artesanía Alimentaria, que amosará a elaboración, manipulación e transformación de produtos alimentarios de xeito respectuoso co medio ambiente
Nas semanas previas á festa realízase o concurso ‘Peixiños’. Este certame está dirixido a nenos e nenas de infantil e educación primaria da comarca da Baixa Limia
Ourense, 02 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a alcaldesa de Banda, Sandra Quintas, participaron esta mañá na presentación da ‘LIV Festa do Peixe de Bande’ que se desenvolverá do 13 ao 15 de xuño, xusto 55 días despois da Semana Santa.
O delegado territorial subliñou que se trata de 54 anos espallando a riqueza gastronómica da contorna e dando a coñecer o potencial turístico da zona cun concurso de pesca, e que en 2013 foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
O seu nacemento débese á iniciativa dun grupo de amigos que compartiron a súa paixón pola pesca e decidiron organizar un concurso que se repite ano tras ano ata hoxe. As súas raíces resistiron o paso do tempo, e hoxe é unha das máis antigas de Ourense.
A abundancia de peixe nos ríos da zona foi un factor importante que influíu na elección de Bande como sede do campionato de pesca, amparado pola Federación Galega, dada a presenza de especies tradicionais como a boga e o escalo.
Nesta festa sempre hai comida variada e diversos postos onde probar as deliciosas opcións tradicionais. O máis popular é a degustación de empanadas, pan artesanal dos fornos de Bande e o prato forte que é o peixe. Ademais, durante os días do certame, hai moitas outras actividades dispoñibles ademais de música e festa.
Nas semanas previas á festa realízase o concurso ‘Peixiños’. Este certame está dirixido a nenos e nenas de infantil e educación primaria da comarca da Baixa Limia. O tema é a Festa do Peixe (Bande), a visión dos rapaces e rapazas acerca desta festa en todos os seus actos e aspectos. Así mesmo, tamén se admiten no concurso outros temas relacionados co medio ambiente, a súa riqueza e as súas ameazas.
Un programa de actividades amplo e variado no que destaca o campionato de pesca que se celebra o domingo a partir das 8h. en augas do río Limia, na zona acoutada de Ponte Liñares.
Novidades
Unha das novidades desta edición é a ampliación do Mercado do Xurés coa presenza do Mercado Doce de Artesanía Alimentaria, que amosará a elaboración, manipulación e transformación de produtos alimentarios de xeito respectuoso co medio ambiente, garantindo un produto final individualizado, seguro dende o punto de vista hixiénico-sanitario, de calidade e con características diferenciais, obtido grazas ás pequenas producións controladas pola intervención persoal da artesá ou artesán.