O quinto ‘All-Star Futbolinlugo’ celébrase o 28 de xuño no campo lucense da Cheda co apoio da Xunta

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación da xornada, que incluirá dous partidos, xogos, concursos e homenaxes

Lugo, 3 de xuño de 2025

Futbolinlugo presentou hoxe o All-Star 2025, que se celebrará o sábado 28 de xuño no campo lucense da Cheda coa colaboración da Xunta. Os organizadores promoven por quinto ano esta cita como a gran festa de peche da tempada do fútbol lucense.

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, participou na presentación da xornada, que seguirá o formato das anteriores edicións. A actividade central serán dous partidos entre os xogadores e xogadoras que destacan entre os mellores da provincia.

Ás 16,30 horas abrirá o programa o enfrontamento feminino entre deportistas das zonas Norte e Sur de Lugo; e ás 19.45 horas será o encontro masculino entre membros de Preferente e Terceira Futgal fronte aos de Primeira e Segunda Futgal; oito por cada unha das categorías.

A organización tamén confirmou que un dos equipos do partido masculino contará co segundo adestrador do CD Lugo, Diego Seoane; mentres que Manu Sánchez estará cunha das seleccións das mellores futbolistas mulleres.

Ademais, haberá xogos e concursos abertos ao público, así como homenaxes e varias sorpresas ao longo da tarde.

Arias apuntou que a Xunta apoia a programación que organiza Futbolinlugo para promover o fútbol base na provincia e valorou que as actividades e a festa que pon o broche final a cada tempada vaian rotando por distintos concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2025