A Xunta celebra que o concello de Vigo acometa, por fin, o mantemento do colexio Celso Emilio Ferreiro, que é competencia municipal

Esixe que se faga cargo das súas responsabilidades no resto dos colexios da cidade que ten abandonados desde hai anos

Pola contra, o Goberno galego está a investir máis de 30M€ en obras de mellora das infraestruturas dos centros educativos da cidade

Vigo, 4 de xuño de 2025

A Xunta de Galicia celebra que o Concello de Vigo asuma, por fin, o mantemento das instalacións do colexio CEP Celso Emilio Ferreiro despois de moito tempo evadindo a súa responsabilidade ao respecto, xa que os labores de coidado dos colexios son de competencia municipal.

Polo tanto, o Concello vigués está asumindo agora unha tarefa que lle corresponde desde sempre, pero non pode pretender agochar a súa grave deixación de funcións atacando á Xunta, máxime cando os institutos e centros de FP, que son competencia exclusiva da Xunta, están en mellor estado de conservación. Non en balde, o Goberno galego está a investir máis de 30M€ en obras de mellora das infraestruturas dos centros educativos públicos da cidade. 

Cómpre lembrar que hai anos que o Concello de Vigo non cumpre coa súa responsabilidade de acometer os labores de mantemento nin deste centro nin de outros moitos da cidade. Por iso, insistímoslle en que se faga cargo das súas responsabilidades en todos os colexios, xa que o deficiente mantemento afecta a máis.

No caso concreto do Celso Emilio Ferreiro, un informe da Unidade Técnica da Consellería e o dunha empresa contratada polo propio Concello deixou claro hai tempo que o motivo do deterioro da cuberta do centro é a falta de mantemento, e así se lle trasladou ao Concello.

As tarefas básicas de mantemento das cubertas, que debe realizar o Concello, inclúen a limpeza anual de vexetación e materiais acumulados. Non facelo provoca que as raíces medren e as tellas se despeguen e acelera o deterioro prematuro.

Data de actualización: 04/06/2025