O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, entrega en Lugo a distinción ao reitor da Universidade de Santiago, Antonio López
Román Rodríguez destaca a calidade do grao en Veterinaria de Lugo, unha das primeiras titulacións en acadar o selo de excelencia en Galicia
Sinala o arraigo da titulación na cidade, a única que o oferta en Galicia, e salienta a facultade como un referente en España e en Europa
Pon en valor o seu papel vertebrador no Campus Terra, cuxa acreditación de especialización se renovará a vindeira semana
Lugo, 4 de xuño de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe a calidade do grao en Veterinaria, da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo, “unha das tres titulacións que acadan, por primeira vez, o máximo recoñecemento a través do selo de excelencia da Xunta”. Esta distinción ata o momento só se outorgaba aos másteres.
No transcurso do acto de entrega do selo de excelencia ao grao de Veterinaria ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, o titular do departamento educativo do Goberno galego lembrou o arraigo da titulación de Veterinaria na cidade de Lugo, única que a oferta en Galicia. “Arredor desta titulación desenvólvese unha gran actividade de investigación e atención hospitalaria, co Centro de Biomedicina e Veterinaria Cebiovet e o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, que converteron esta titulación nun referente en España e en Europa”, incidiu o conselleiro, que estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.
Non en balde, a Facultade de Veterinaria de Lugo está a piques de renovar a acreditación da Asociación Europea de Establecementos de Formación Veterinaria (EAEVE), un selo que distingue a centros de referencia en formación veterinaria en toda Europa e co que conta o centro lucense desde 2002.
Achega extra de 360.000€
Román Rodríguez puxo en valor o traballo das universidades galegas “para poñer ao máximo nivel as titulacións que ofertan, adaptándose aos intereses do alumnado, ás necesidades do tecido produtivo e, sobre todo, á imprescindible transferencia de coñecemento cara a sociedade”.
Neste sentido, lembrou que o selo de excelencia da Xunta, creado o ano pasado para as titulacións de grao e hai catro ano para as de máster, ten como finalidade “recoñecer este traballo, fomentar a excelencia e sensibilizar sobre a necesidade de aliñar o deseño das titulacións coas novas tendencias internacionais, contribuíndo a elevar os seus estándares de calidade e darlles visibilidade”.
O selo de grao de excelencia ten unha vixencia de seis cursos académicos, con seguimentos anuais e posibilidade de renovación. Supón, ademais, unha achega económica de 360.000€. Nesta primeira convocatoria foron recoñecidos, ademais do grao en Veterinaria, o graos en Enxeñaría Informática e en Fisioterapia, ambos da Universidade da Coruña.
Acreditación do Campus Terra
Román Rodríguez salientou tamén o papel vertebrador da Facultade de Veterinaria no Campus Terra de Lugo. “Un campus de especialización cuxa acreditación renovaremos por outros catro anos, coa publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia o vindeiro luns”, sinalou o conselleiro.
“A continuación, iniciaremos o proceso para renovar o convenio entre a Consellería e a Universidade de Santiago de Compostela para apoiar a especialización do campus, cunha nova inxección económica da máis de 4M€”, detallou o conselleiro. Esta nova contía sumarase aos máis de 8,8M€ que o Goberno galego leva achegados a esta iniciativa desde a súa posta en marcha en 2013.
Román Rodríguez explicou que o informe sobre de resultados do Comité Avaliador Externo pon en valor o bo traballo realizado nos últimos anos polo Campus Terra. “Aínda así, queda moito por facer, polo que imos garantir un financiamento axeitado para acadar os novos retos que aos que vai facer fronte o campus”, apuntou.
Recomendacións dos expertos
De feito, o informe elaborado polos técnicos fixa recomendacións xerais, fundamentalmente no que atinxe á gobernanza, á docencia, á investigación e á transferencia. En concreto, no primeiro dos aspectos recoméndase a reestruturación das comisións e a definición dos ámbitos de actuación da Vicerreitoría de Lugo e da dirección do Campus Terra. Tamén o reforzo da visibilidade institucional do Campus Terra para amplificar a proxección pública das súas iniciativas.
No que atinxe á docencia, suxírese a revisión e actualización da oferta de titulacións para reforzar a identidade que propicia a especialización do campus. Proponse, ademais, intensificar a aposta pola internacionalización coa introdución progresiva de docencia en inglés como vía de diferenciación académica e posicionamento internacional.
En investigación, incídense no impulso de liñas que reforcen o enfoque One Health (que afonda na interconexión entre a saúde humana, animal e ambiental), a ciencia de datos e as tecnoloxías avanzadas aplicadas ao medio rural. Tamén se fai fincapé na integración científica, operativa e territorial dos Grupos de Investigación BICAMPUS co obxectivo de incrementar a súa actividade colaborativa.
O Campus Terra fixo importantes esforzos por achegar a investigación ao tecido socioeconómico e promover a transferencia do coñecemento. Porén, segue sendo necesario consolidar un sistema de transferencia estruturado, tarefa na que cómpre avanzar neste segundo período de acreditación, segundo indica o informe do Comité Avaliador Externo.