Aumentan as compras nas primeiras semanas de funcionamento do programa eBici 2025
O delegado territorial achegouse a unha tenda especializada onde lle transmitiron o éxito da campaña
Na provincia de Pontevedra hai un total de 47 establecementos adheridos
A Xunta conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros para esta campaña que estarán a disposición dos compradores ata o mes de novembro de 2026
Poio (Pontevedra), 04 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a tenda Bici o Con, en Poio, un dos 47 establecementos adheridos ao programa Ebici na provincia de Pontevedra, unha iniciativa coa que a Xunta financia a compra de bicicletas eléctricas e cadeiras de rodas.
O delegado territorial interesouse polos resultados deste programa e quixo coñecer as sensacións dos profesionais do sector de primeira man. Tal e como comentou o responsable do establecemento, os resultados están a ser moi positivos, xa que varias persoas que nunca se tiñan interesado por esta posibilidade, encontraron nesta axuda o incentivo necesario para dar o paso a un tipo de mobilidade máis accesible e saudable.
Cabe destacar que O orzamento total suma 1,7M€ distribuídos en dúas anualidades: 1 M€ para 2025 e 700.000 euros para 2026
En canto ás solicitudes, os particulares interesados poden presentalas ata o 13 de novembro de 2026 - ou ata que se esgote o crédito - en calquera dos establecementos asociados, que son os encargados de tramitalas.
Con carácter xeral, as achegas cobren ata o 50% do custo cun máximo de 500 euros. A contía elévase ao 60% cun límite de 600 euros no caso das familias numerosas; e alcanza o 70% - ata 700 euros – para as familias numerosas de categoría especial e para as persoas con mobilidade reducida.
O delegado territorial lembrou que esta campaña xa tivo un gran éxito o ano pasado e asegurou que os datos corroboran a boa acollida que está a ter esta edición. Neste sentido, Reguera asegurou que “a aposta por unha mobilidade sostible e inclusiva é unha prioridade para a Xunta”.
A listaxe con todos os establecementos adheridos pode consultarse en www.conselleriadepresidencia.xunta.gal/es/establecementos-ebici .