O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, participou na inauguración do I Congreso Internacional de Ortopedia Pediátrica que se celebra en Santiago de Compostela

O Servizo Galego de Saúde destaca a excelencia na abordaxe da ortopedia pediátrica a través da unidade do Hospital Materno Infantil da Coruña que atendeu pacientes de Castela e León, Madrid ou Canarias

A unidade coruñesa é referencia nacional e conta con catro facultativos especialistas dedicados en exclusiva á ortopedia pediátrica

En 2024 atendeu 5.500 consultas e foron realizadas 440 operacións

O director xeral de Asistencia Sanitaria destaca a abordaxe integral, a coordinación entre especialidades e a humanización de cada paso nos procesos de ortopedia pediátrica que se realizan en toda Galicia

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, resaltou a alta especialización da unidade de ortopedia infantil do Hospital Materno Infantil da Coruña, que desde o ano 2010 conta coa acreditación de centro de referencia nacional e que o ano pasado recibiu pacientes de toda Galicia, ademais de Madrid, Castela e León e Canarias.

Así o sinalou no acto inaugural do I Congreso Internacional de Ortopedia Pediátrica, que se celebra no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela.

O director xeral destacou a abordaxe integral, a coordinación entre especialidades e a humanización de cada paso nos procesos de ortopedia pediátrica que se realizan en toda Galicia.

Como referencia, a unidade coruñesa só en 2024 atendeu máis de 5.500 consultas e realizou 440 intervencións cirúrxicas.

Para iso, conta cunha estrutura completamente diferenciada da atención a adultos, xa que está formada por catro facultativos especialistas que se dedican en exclusiva á ortopedia pediátrica.

Data de actualización: 05/06/2025