Corgos afirma que a Xunta seguirá apostando por políticas rigorosas, responsables e prudentes que contribúan ao benestar das familias e apoien ás empresas

O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou a Asemblea Anual da Asociación Nacional de Establecementos Financeiros de Crédito

Animou a seguir fortalecendo a marca Galicia Calidade, cun estilo propio que contribúa a manter unhas finanzas solventes, un reforzo continuo dos servizos públicos, un crecemento sostible e un emprego de calidade

Vigo, 5 de xuño de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou hoxe que o Goberno galego seguirá apostando por políticas rigorosas, responsables e prudentes que contribúan ao benestar das familias e ofrezan garantías e apoio ás empresas.

Durante a inauguración da Asemblea Anual da Asociación Nacional de Establecementos Financeiros de Crédito (ASNEF), Miguel Corgos lembrou que para elo a Xunta leva a cabo unha xestión centrada nunha serie de prioridades, entre as que destacou: o reforzo continuo dos servizos públicos para blindar o Estado do Benestar; o cumprimento das normas fiscais; o uso responsable da capacidade de endebedamento, que nos sitúa como a comunidade que menos incrementou a súa débeda desde 2009; e o compromiso de estar sempre entre as CC.AA. que paga máis rápido aos seus provedores para facilitarlles liquidez.

Para levar a cabo e aplicar este modelo, o conselleiro de Facenda fixo fincapé tamén na importancia de poder ter, exercicio tras exercicio, as contas aprobadas en tempo e forma. “Porque só cun orzamento en vigor poden levarse a cabo os programas e as medidas dun Goberno”, dixo, lamentando a incerteza prolongada que, pola contra, está instalada no Goberno central.

Miguel Corgos insistiu en que a Xunta seguirá traballando para contribuír ao benestar das familias e ofrecer as máximas garantías para que todas as empresas que queiran investir na Comunidade, poidan facelo. “Queremos que cada vez máis emprendedores vexan Galicia como unha terra de oportunidades e decidan asentar aquí os seus proxectos. Desde o Goberno galego temos vontade e capacidade financeira para axudalos en todo o seu percorrido, desde o nacemento da súa idea ata a consolidación do seu proxecto”, abundou, animando a seguir fortalecendo a marca Galicia Calidade, cun estilo propio que contribúa a manter unhas finanzas solventes, un reforzo continuo dos servizos públicos, un crecemento sostible e un emprego de calidade.

Miguel Corgos concluíu destacando o traballo que leva desenvolvendo ASNEF desde a súa fundación, promovendo o desenvolvemento e a competitividade do sector financeiro e contribuíndo a apoiar a liquidez de familias e empresas con diversos instrumentos como o crédito ao consumo, o leasing ou o factoring.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2025