Belén do Campo anima a aproveitar os descontos dunha nova edición dos Bonos Activa Comercio antes de que se esgote o crédito

A delegada da Xunta lembrou que a primeira convocatoria destas axudas, este ano, está dotada con 2,5 millóns cunha previsión de mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas nos negocios adheridos

Os cidadáns poden descargar un bono desconto de ata 30 euros que poden utilizar nas tendas adheridas ata o esgotamento do orzamento global do crédito da convocatoria

O prazo para a adhesión dos establecementos interesados leva aberto, desde o pasado 20 de maio, e como novidade, este ano só deberán facelo unha única vez para todas as edicións de 2025, avanzando así na simplificación administrativa

Nestes momentos hai un total de 2.118 comercios adheridos na provincia dos cales 411 son da cidade da Coruña.

A Xunta de Galicia ten previsto destinar inicialmente 5 millóns de euros, durante 2025, a esta campaña pioneira, buscando revalidar o éxito da iniciativa que desde 2021 xa leva mobilizados preto de 100 millóns de euros

A Coruña, 5 de xuño de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitaron varios establecementos da Asociación Zona Comercial Obelisco, para animar a aproveitar os descontos da nova edición dos Bono Activa Comercio que se activaron, onte mércores, antes de que esgote o crédito. Concretamente, visitou os comercios adheridos a esta iniciativa calzados Reno, Multiópticas e Yves Rocher. Belén do Campo destacou que a primeira tarde de hoxe os Bonos Activa Comercio levan xa arredor de 184.000 bonos descargados en toda Galicia. Ademais, nos máis de 6.600 negocios adheridos ata o momento lévanse trocado máis de 1,7 millóns de euros en descontos, cunha mobilización total de vendas que supera os 7,5 millóns de euros. No caso da provincia da Coruña, hai preto de 2.400 comercios participantes, nos que se levan trocado 541.000 euros en descontos, cunha mobilización total de vendas de arredor de 2,4 millóns de euros

A delegada da Xunta lembrou que a primeira convocatoria destas axudas, este ano, está dotada con 2,5 millóns cunha previsión de mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas nos negocios adheridos. Tal e como sinalou a representante do Goberno autonómico, esta medida é “unha iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor o papel fundamental do comercio local como motor económico, social e cultural nas vilas e cidades galegas”. Ademais, engadiu, “a campaña pretende concienciar a cidadanía sobre a importancia de apoiar os establecementos de proximidade, destacando os beneficios que supón para o conxunto da sociedade: creación de emprego, dinamización dos barrios, sustentabilidade e trato próximo e personalizado”.

En total, o Goberno galego ten previsto destinar inicialmente 5 millóns de euros durante 2025 a esta campaña, o que contribúe a fortalecer tanto a economía de proximidade como a competitividade do sector.

Como novidade, este ano a adhesión dos establecementos á campaña —cuxo prazo abriu o pasado martes 20 de maio -realizarase unha única vez para todas as edicións, o que reflicte así o compromiso da Xunta coa simplificación administrativa e cun modelo de xestión máis áxil. Nestes momentos, segundo apuntou a delegada, hai un total de 2.118 comercios adheridos na provincia dos cales 411 son da cidade da Coruña.

Belén do Campo lembrou o éxito das edicións anteriores que demostra a eficacia desta iniciativa para activar o consumo e apoiar o pequeno comercio. Desde a súa posta en marcha no ano 2021, o programa permitiu mobilizar preto de 100 millóns de euros no comercio retallista galego. Só no ano 2024, a Xunta destinou 7,5 millóns de euros en descontos, que impulsaron 600.000 transaccións comerciais nas catro provincias, o que xerou un volume de vendas de arredor de 34 millóns de euros nos máis de 7.500 establecementos adheridos.

Funcionamento da campaña

As persoas consumidoras interesadas poden descargar un bono desconto de 30 euros na web www.bonosactivacomercio.gal para empregar directamente na adquisición de produtos e servizos nos comercios adheridos —que poden seguir sumándose á campaña ata o esgotamento do crédito da convocatoria—.

Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra.

Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono nesta primeira edición da iniciativa en 2025. Non hai límite de usuarios, pero, unha vez esgotado o crédito total de 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, mesmo que non se teñan consumido na súa totalidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2025