A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con directivos da empresa norueguesa
Lorenzana reúnese en Oslo con Seafood Legacy, que confirma que a finais de ano comezarán as obras da primeira planta de cría de salmón en Galicia
A planta xa conta con todos os permisos para ocupar en torno a 20.000 m² no porto de Burela, nunha nave na que prevé producir unhas 3.300 toneladas de salmón ao ano e na que se estima que creará ata un cento de postos de traballo directos e indirectos
Supón un investimento de 80 M€ aos que a Xunta achegará, previsiblemente, uns 30 M€
Lorenzana subliña que é “unha moi boa nova pola que se agardaba en Burela e un verdadeiro motivo de satisfacción, porque se trata dun proxecto industrial máis que se instala en Galicia, que confía e que aposta por Galicia”
Oslo (Noruega), 6 de xuño de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro en Oslo con directivos da empresa norueguesa Seafood Legacy, quen lle confirmaron que a finais de ano comezarán as obras da que vai ser a primeira planta de cría de salmón en Galicia.
O proxecto, que vai instalarse no concello de Burela, supón un investimento de 80 millóns de euros, dos que a Xunta achegará, previsiblemente, uns 30 millóns.
A planta xa conta con todos os permisos para ocupar en torno a 20.000 m² no porto de Burela nunha nave na que prevé producir unhas 3.300 toneladas de salmón ao ano e na que se estima que creará ata un cento de postos de traballo directos e indirectos.
Lorenzana asegurou que “é unha moi boa nova pola que se agardaba en Burela e para nós un verdadeiro motivo de satisfacción porque se trata dun proxecto industrial máis que se instala en Galicia, que confía e que aposta por Galicia”.
A planta de acuicultura de Seafood Legacy, engadiu, supón “un plus” para o sector da acuicultura en Galicia que, por primeira vez, vai ofertar, tamén, o salmón. Unha planta que se suma ás que xestiona a tamén norueguesa Stolt Sea Farm, Nueva Pescanova ou Profand.
A acuicultura en Galicia suma 2.510 empresas e dá emprego a 4.460 persoas. O grupo de establecementos de criadoiros, granxas mariñas e liñas de cultivo é a segunda maior fonte de ingresos dentro do sector: conta con 618 persoas ocupadas, o 14 por cento do emprego, e continúa gañando peso en termos de facturación, posto que actualmente representa máis do 47 por cento (137,92 millóns de euros) dun total de 290 millóns de euros.